A xustiza do revés

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste país en que se abren informativos coa saída de prisión de cada preso de ETA excarcerado, se dedican horas de faladoiro aos beneficios penitenciarios dos políticos cataláns presos, e metros de papel ás palabras «pedir perdón», resulta curioso que sexa unha nota a rodapé a saída de prisión de Carlos García Juliá, militante ultradereitista e autor da matanza de Atocha en 1977 contra un grupo de avogados vencellados a CC.OO. Estivo só tres meses encarcerado trala extradición desde Brasil, onde foi prófugo vinte anos. Segundo o cómputo da Audiencia Nacional, faltábanlle aínda dez anos, pero fóronlle aplicados beneficios obtidos antes de fuxir do cárcere nos noventa. A resolución é da Audiencia de Ciudad Real, co beneplácito da fiscalía e da Audiencia Nacional, que obviaron que as fugas e as súas tentativas (en 1979 secuestrou o director do cárcere onde cumpría prisión preventiva) son motivos para anular os beneficios obtidos. A única vítima aínda viva daquel atentado, Alejandro Ruíz-Huerta, insiste en que o asasino xamais lle pediu perdón.

Poida que a esta España que selecciona tan ben a súa desmemoria lle pareza menor aquilo que xa só lembran como anécdota os contemporáneos e os que viron en Cuéntame unha versión descafeinada do que supuxo o terrorismo fascista nos anos da Transición, de cuxos barros mal lavados, por certo, proceden estes lodos que hoxe nos ensucian e que tamén ciscan porcallada sobre o sistema xudicial. É, unha vez máis, a xustiza do revés pola que o franquismo convencía de que os seus delitos non eran tales, pero que non haxa un escándalo público por isto demostra a eficacia da manipulación da memoria sobre os crimes do franquismo.