As residencias de maiores

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Enric Fontcuberta | Efe

20 nov 2020 . Actualizado a las 19:51 h.

Os datos son teimudos e non poden agocharse. O andazo está sendo especialmente letal cos maiores de 70 anos. No Estado español, máis da metade dos finados por covid vivían en residencias da terceira idade. Os datos son moito peores nas de xestión privada que nas de xestión pública. A partir de aquí podemos argumentar, buscar razóns ou desculpas. Os principios ideolóxicos e os intereses económicos tamén forman parte do argumentario. Asemade os morais e os antropolóxicos. Pero non pode haber moita dúbida de que debemos pararnos a pensar sobre o asunto. Seica no Parlamento xa empezaron a falar en serio, pero, ademais do necesario debate político, pois ao cabo alí deberán tomarse as decisións e cómpre que vaian dotándose de argumentos e conformando opinión, esta é unha cuestión do máximo interese social. As crises revelan o que non miramos e afectan máis ao que máis descoidamos.

Nos países europeos e Canadá, máis do 85 % dos mortos por covid superaban os setenta anos, pero os maiores de oitenta supoñen sempre máis do 60 %. Vai sendo hora de abordar como xestionamos a vellez nas sociedades opulentas e con maiores dotacións de asistencia a prol do benestar. A concentración da mortalidade nas residencias de xestión privada apunta a un problema de organización e de xestión que non pode ser desviado con argumentos ideolóxicos estereotipados sobre unha suposta maior a eficiencia da xestión privada sobre a pública. Xa non. Non neste asunto. As melloras sanitarias, na alimentación, nas condicións de vida e parece que algún risco xenético foron elevando historicamente a esperanza de vida media, singularmente en países de base campesiña do sur de Europa onde as identidades de pertenza local e as familiares extensas están moi arraigadas. A atención aos maiores forma parte indisoluble desa identidade. Pero a combinación desa maior esperanza de vida coas novas pautas de vida urbana e unhas esixencias laborais cada vez máis absorbentes levaron á necesidade crecente de buscar solución, acomodo ou residencia para os lonxevos maiores da familia, especialmente os dependentes. As residencias aquí non están cheas de viúvos ou solteiros, senón de pais e tías.

Nas últimas décadas medrou como negocio a atención á vellez, á vez que se reducía o papel asistencial do sector público. Galicia, onde a última residencia autonómica pública foi inaugurada hai máis de dez anos, é un caso próximo e paradigmático. Case o 80 % das prazas son de xestión privada. Pode resultar duro dicilo pero acabamos xerando un auténtico sistema de estabulación de xente maior que, ademais, por ser un negocio, como todos os negocios debe dar beneficios. Reducir gasto significa, tamén neste negocio, xerar máis beneficios contables e aumentar a eficiencia. Estamos obrigados a darlle unha pensada.