Mirar ao noso carón
A verdade é que o mundo está moi entretido. Trump é unha máquina de producir focos de atención. Que se rouban as eleccións, que se a vacina xa se coñecía pero non o dixeron por amolalo a el, que se destitúo a parte do persoal porque a alguén hai que culpar da miña marcha, que...
É imposible non mirar para el. Ten moita máis notoriedade ca Joe Biden, todo hai que dicilo. Volver a un segundo plano entendo que será un traballo a longo prazo, lento e custoso, e ferinte para o protagonista, que supoño fará o imposible por non abandonar a atención dos focos. E mentres miramos cara aos Estados Unidos, esquecemos que hai cousas aquí ao lado que tamén merecen o noso coidado. Esteamos atentos, ou voarán sen rumbo. Primeiro, obviamente, é a evolución do covid e as leas que isto provoca nos aspectos máis básicos. Logo, cousas que caen de caixón e que tampouco están de máis.
Seica a familia Franco tiña preparados unha chea de camións para levar todos os obxectos posibles do Pazo de Meirás. A alguén lle sorprende? O que non me explico é que pensaramos que ían deixar todo dentro, colocado, ordenado e limpiño. Limpo si, pero doutro xeito... baleiro! Quero crer que reaccionamos a tempo e a vixilancia que teñen agora á porta non chega tarde. Pero deberiamos ser un pouco máis previsores. Isto víase vir! E o aviso serve para todo, non só para este caso. Hai que estar atentos. Debemos manter os ollos abertos, coidar do noso. Que o circo internacional non provoque un descontrol maior á nosa beira.
Comentarios