Unha escritora galega

OPINIÓN

09 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun artigo publicado o 30 de outubro neste xornal, reivindícase a importancia das escritoras galegas. Na extensa nómina de escritoras que menciona boto de menos un nome Trátase dunha escritora galega nada en Mondoñedo hai 78 anos. É académica de honra da Real Academia Galega, e membro do Pen Club de Galicia desde 1989. Colabora desde 1990 cun artigo semanal en galego en La Voz de Galicia. Recibiu o Premio Fernández Latorre, a Medalla Castelao e o premio Voz de Liberdade polas súas colaboracións na prensa galega. Obtivo o Premio Losada Diéguez para novelas publicadas en galego en 1989 por Chamábase Luís e en 1996 por Querida amiga.

A lista das súas novelas publicadas orixinalmente en galego é a seguinte: Unha árbore, un adeus, O reloxio da torre, Chamábase Luís, Tristes armas, Querida amiga, Quen matou a Inmaculada de Silva? e O anxo de Eva.

Os seus traballos máis importantes no ámbito académico versan sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. De ambas realizou tamén estudos e edicións en galego. Edición con estudo introdutorio e notas de Follas Novas de Rosalía de Castro, en colaboración con Branca Roig. Estudo introdutorio a La educación del hombre y la de la mujer, Memorias de un solterón y La dama joven; Por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía? Rosalía, unha voz universal, estudo introdutorio a Rosalía de Castro. Obra poética e manuscrito.

Como dixen ao comezo, sen falsas modestias e con total sinceridade, creo que con ese currículo merece polo menos unha mención en calquera nómina de escritoras galegas. Para quen non a recoñeceu polas súas obras: o nome da escritora galega é Marina Mayoral.