Dez motivos para a reflexión

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

08 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro un artigo de Manuel Vázquez Montalbán na revista Triunfo, van alá xa algúns anos, no que, co pseudónimo de Sixto Cámara, o escritor reivindicaba o dereito a votar nas eleccións norteamericanas. Porque nas eleccións USA -dicía- non só se decide o destino daquela parte do mundo, senón das nacións todas, moi especialmente aquelas que, dun xeito ou doutro, vivimos na órbita do Gran Imperio. Disque o Gran Imperio xa non é o que era, que outros axentes poderosos están no baile, mais eu sigo pensando coma o vello mestre de xornalistas: de quen se sente na Casa Branca dependen moitas cousas, alí e aquí, na vella Europa e en practicamente todos os lugares do planeta, incluídas as organizacións internacionais, tan necesitadas dunha revisión a fondo das súas estratexias. Non digo eu que cos demócratas no poder se vaia producir un milagre. Os negocios son os negocios. Pero se o próximo día 14 de decembro non mudara o inquilino da Gran Mansión íamolo pasar mal. 

Son moitas as reflexións ás que nos invita a confrontación norteamericana destes días. Tempo haberá para debullalas.

Unha: a significación das chamadas redes sociais na conformación do pensamento, a opinión pública e a conduta das sociedades.

Dúas: o papel da educación e a cultura como factores fundamentais para nos defender da gran máquina manipuladora, que nos amansa e nos escraviza.

Tres: a perda de influencia dos grandes medios de comunicación, polo menos os medios tradicionais (a autocrítica é cada día máis necesaria: a quen lle interesa o que dicimos?).

Catro: a frustración social, que é tamén frustración cultural, económica, emocional, individual... Factores determinantes para explicar certas radicalizacións e comportamentos fóra do sistema.

Cinco: as carencias, contradicións e decepcións do sistema. Seis: a sedución do brután, o atractivo irresistible que o autoritarismo máis primario produce en amplos sectores das masas.

Sete: a incapacidade dos discursos alternativos para construír proxectos políticos cribles, que sirvan de contrapunto aos fracasos dos discursos dominantes.

Oito: a irrelevancia ou inconsistencia do que tradicionalmente se viña denominando clase intelectual.

Nove: o valor das alcantarillas, os territorios escuros do poder, a impunidade das provocacións e as mentiras. Dez: a perda absoluta das formas, ou o que tamén poderíamos chamar o desprezo polas regras do xogo.

Quédome aquí. As regras de xogo son os principios que entre todos aceptamos para a convivencia, que en determinadas circunstancias mesmo podería ser a supervivencia. O circo en que estamos instalados, radicalizado no espectáculo da confrontación, aviva as bancadas dos hooligans… E que ninguén pense que isto non vai connosco. Cando a bolboreta axita as ás nunha punta do mundo, desátase o tsunami na outra extrema.