Consecuencias sociais do virus

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Santi Otero | Efe

03 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os amantes máis famosos suicidáronse nos tempos da peste por culpa dun confinamento que impediu a Frei Xoán levar a Romeu a Mantua a noticia da morte simulada de Xulieta en Verona. As consecuencias inesperadas das rigorosas corentenas que Shakespeare coñecera en persoa servíronlle para construír un grande argumento para os seus contemporáneos.

Voltos os tempos da peste, teremos nós tamén que entender que toda crise sanitaria ten consecuencias non sanitarias. Se alén dos dramas do inglés lemos historia, saberemos que toda pandemia prolongada acompáñase tamén dunha crise social, mesmo antes -non despois- de percibírense as súas consecuencias económicas. A comparación do actual andazo coa peste negra ou coa gripe de 18 ten un sentido cando se formula dende a medicina e outro cando se fai dende a historia.

Vainos facer falla manexar e xestionar todo o coñecemento que poidamos reunir e toda a sabedoría acumulada para afrontar o andazo. Empezamos con linguaxe militar e mobilizando a forza pública, pasamos ao tecnolóxico-sanitario agardando unha vacina que o amañe todo, loxicamente preocupados pola economía movémonos no curto prazo intentando volver xa á «vida normal» de viaxar e consumir, antes mesmo que á de producir. Nin o economicismo incapaz de afrontar a adaptación das economías, nin o optimismo tecnolóxico van axudar a frear o andazo agora, pero, sobre todo, non serven para afrontar a situación que ven.

As sociedades humanas levan padecendo andazos dende que existen. Pechar poboacións descubriuse como o medio de evitar a chegada e a saída das pestes. A memoria da Peste Negra deixou o confinamento, a corentena e a máscara como medios regrados para combater andazos. Investigouse como reaccionan historicamente as sociedades. Falamos hai uns días da mocidade como de novos xudeus sinalados como bode expiatorio, e hoxe xa temos que falar dos vellos xudeus. O nome de Soros, xudeu e rico, apareceu estes días no discurso de Abascal e nas manifestacións violentas de Barcelona contra as medidas decretadas polas autoridades. Segundo a policía, as desfeitas nesa e outras cidades lideráronas alborotadores profesionais, seareiros violentos de equipos de fútbol; segundo os medios de comunicación tamén coñecidos extremistas de dereita (din os de esquerda) e de extrema esquerda (din os de dereita). Os extremos tócanse, como gusta sempre de dicir a dereita moderada. Pois iso é o que está acontecendo agora mesmo. Tomen nota. O asunto non ten ciencia, así chegaron ao poder Mussolini e Hitler.

Despois do tempo que levamos e calculando o que pode quedar as preguntas para afrontar esta situación non poden ser só sanitarias e as respostas políticas non poden ser só de saúde pública. Os estatísticos acaban de chamar a atención sobre a dificultade para reunir datos coherentes. Xeógrafos e sociólogos tamén. Hai moito coñecemento por mobilizar.