Somos unha tómbola

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

02 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois nada... segue todo igual.

Pois nada. É a conclusión que podo tirar de todos estes meses de pandemia, confinamento, normas que veñen e van. Porque non vexo que esteamos a sacar proveito, ensinanzas ou memoria. Nada en absoluto. Seguimos todos absorbidos completamente por esa forza descomunal que nace da cerna, é dicir, do embigo.

E si, eu tamén teño problemas, eu tamén sufro. Pero aínda me quedan dous dedos de fronte alén do embigo e sei mirar tamén para aos demais, e quizais un chisco máis lonxe do xa. Pero tamén lles digo unha cousa... todo cansa. Todos estamos cansos. E o mundo estase a converter nunha fartura. De verdade, poderíase diminuír o ton axitado do mundo? É unha pregunta retórica, obviamente, porque xa sei que se pode. O que fai falla é vontade.

A imaxe que percibimos é a dunha tómbola. Hai quen dirixe o xogo a través dun altofalante, e quen é un boneco. Os primeiros son poucos, os monicreques, a maioría. Dentro deles, hainos con menos sorte: os expostos a que lle batan cunha pelota ou cun valín. Claro que sospeitamos que os xefes fan trampa.

Xa o cantaba Marisol: la vida es una tómbola. Claro que se o din con música semella mellor. Para acabar de empeorar as cousas, quen nos fala a nós esqueceu calquera melodía agradable. Non nos repartan boletos de estados de alarma, toques de queda, peche de perímetros ou o que sexa. Mírennos aos ollos e lembren que somos persoas, con vidas dentro. Merecemos un chisco de empatía, por parte dos dirixentes e tamén entre nós.