O papa Francisco e o matrimonio gay


A miña amiga ultracatólica mandoume un wasap cun arquivo e un comentario alarmista: «Esto es gravísimo. Supone el acto final para que se produzca un cisma». O arquivo titúlase «Francisco alienta la unión civil para parejas del mismo sexo» e informa de que no documental Francesco, do cineasta ruso Evgeny Afineevsky, estreado en Roma o día 21, o papa di que os homosexuais teñen dereito a formar unha familia porque son fillos de Deus e cómpre facer unha lei de convivencia civil que os ampare.

Por moito que o leo non vexo que as palabras do papa vaian contra o maxisterio da Igrexa. A homosexualidade non é pecado e o Catecismo da Igrexa católica, editado en 1992, déixao claro: «Un número considerable de homes e mulleres teñen tendencias homosexuais instintivas. Non elixen a súa condición homosexual. Deben ser acollidos con respecto, compaixón e delicadeza. Evitarase a inxusta discriminación con eles».

O papa Francisco xa fixera declaracións que os medios converteron en titulares de primeira páxina: «Si alguien es gay y busca al Señor con sinceridad, ¿quién soy yo para juzgarlo?», en 2013. «Jesús no respondería a nadie: -Vete porque eres homosexual», en 2016. Porén, nos dous casos afirmaba algo sabido: que gais e lesbianas poden ser parte da familia católica. A novidade estivo en non acollelos «con compaixón e delicadeza», senón con amor; como a homes e mulleres heterosexuais.

Se a homosexualidade non é pecado, a formación de unidades familiares por persoas do mesmo sexo tampouco debería selo. Digo debería porque hai unha condición sine qua non. Como a relación carnal entre persoas do mesmo sexo si é pecado, as familias de homosexuais terán que vivir en castidade. Dío o Catecismo: «As persoas homosexuais están chamadas á castidade». A voz chamadas é eufemismo de obrigadas, claro. E velaí a razón do alarmismo, que non está no que Francisco dixo, senón no que non dixo, pero os alarmados intúen que pode chegar a dicir. Efectivamente, a cuestión é saber se Francisco apoia aos gais e lesbianas católicos que desexan formar familias, porque cre que van vivir castamente; ou apóiaos a sabendas de que queren vivir o amor pleno, espiritual e físico, das parellas heterosexuais. Non o sabemos e tampouco se acepta que a unión civil de persoas homosexuais se chame matrimonio. En 2017 referíase a elas como «parellas de feito».

Malia ter denunciado «una corriente de corrupción» e recoñecido «un lobby gay» na curia romana; manifestarse contrario á «dictadura de la economía e del culto al dinero»; rexeitar «el comportamiento suicida que destruye el planeta»; e eliminar o secreto pontificio nos casos de abusos a menores por membros do clero; o papa Francisco non é un revolucionario. Non o é, pero a alarma que crea no catolicismo ultraconservador e no neoliberalismo económico é a mesma; de aí a coincidencia nas aldraxes e descualificacións que recibe de ambos e que van da acusación de marxista á de ser un papa ilexítimo que pavimenta os accesos para a chegada do antecristo, ou ser el o mesmo antecristo.

O que fai de Francisco un papa especial é o xeito de comunicar, que chega onde quere. Dicir a un activista homosexual: «Dios es quien te hizo gay y Dios te ama. Y el papa también te ama» non resolve o problema, pero reconforta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
55 votos
Comentarios

O papa Francisco e o matrimonio gay