Logro histórico para Galiza

Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

30 oct 2020 . Actualizado a las 07:56 h.

O BNG ten no seu ADN a defensa de Galiza, mellorar a vida dos galegos e das galegas a través da acción política, marcar a diferenza a favor da xente deste país, e nos orzamentos do Estado para 2021 esa diferenza ten unha cifra: 50 millóns de euros para unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9 da que se van beneficiar 20.000 persoas que cada día usan esa autoestrada.

Unha redución sen precedentes que é posible grazas ao acordo de investidura asinado co PSOE. Sen el, a AP-9 volvería subir puntualmente en xaneiro como leva facendo desde hai décadas cos sucesivos gobernos do PP e do PSOE, o que demostra a utilidade de ter voz propia ante o Estado: un deputado coas mans libres como Néstor Rego logrou máis que Feijoo en once anos de goberno, cunha posición que pasou do entreguismo á confrontación estéril. E así nin se avanza, nin se resolven os problemas, nin se constrúe futuro.

O acordo tamén inclúe a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, que beneficia a unha área metropolitana de 400.000 habitantes. Evidentemente, non nos conformamos, porque o noso obxectivo é unha AP-9 de xestión galega e libre de peaxes, pero este logro histórico do BNG é un paso importante nesa dirección e aliviará os petos de miles de persoas, con especial incidencia no sector do transporte.