Anos santos e xacobeo

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

denis e.f.

24 oct 2020 . Actualizado a las 11:36 h.

As tecnoloxías dixitais permítennos o acceso á información a unha escala inconcibible. Na pantalla temos ao noso alcance unha secuencia interminable de documentos e, logo, o pensamento e a creatividade teñen que esforzarse en elaborar a transversalidade entre as diferentes ópticas para poder producir ideas e proxectos. 

Por iso, é reconfortante que a institución autonómica lance agora o horizonte 2021-2027-2032. Conservo a experiencia do traballo en equipo desenvolvido co programa municipal de iniciativas culturais e urbanas chamado Compostela 93-99, coordinado co Xacobeo 93, que culminarían na declaración de Santiago como Cidade Europea da Cultura 2000 e que supuxo o impulso da cidade a nivel mundial.

O ano santo significa renovación, paso adiante, xúbilo. Cada un deles garda unha mensaxe espiritual, cunha liturxia específica. O xacobeo é a expresión laica dese xubileu, promovendo actividades culturais, sociais e económicas. Vén sendo como un fío que vincula os sucesivos períodos co reto constante de preservar o sentido da peregrinación, máis alá da convicción relixiosa. Ano santo e xacobeo fúndense na evocación dos camiños de Santiago e no ser de Europa.

Temos unha contradición. Por un lado o covid forzou unha parada de moitos proxectos que ían mobilizar recursos e actividades, fundamentalmente no turismo, pero por outro permite a súa reconsideración, evitando así o que podería chegar a ser un paraíso terciario. Este hiato convida a recuperar a sutil relación entre os Anos Santos e o Xacobeo, mediante iniciativas que mesturen a cultura propia e a que chega polos camiños; a restauración e a conservación preventiva do patrimonio, que implica a toma de conciencia da cidadanía na súa valoración e mantemento a través de proxectos pedagóxicos; a remodelación dos espazos públicos aproveitando o paso dos camiños; ou, no sentido da viaxe de retorno, a activación e modernización das estruturas do país, aproveitando os investimentos extraordinarios con fondos europeos para completar as redes galegas. É dicir, despois do covid necesítanse oportunidades potentes de emprego xuvenil, non preferentemente no sector hostaleiro.

O compromiso das Administracións coa recuperación tras a pandemia deberá poñer a carón dos obxectivos macro as operacións micro, de alcance local pero con efectos globais. No caso concreto dos centros históricos, a ocasión de lanzar plans de renovación das infraestruturas urbanas para conciliar usos e conservación do patrimonio.