A vacina do covid e a quimera

OPINIÓN

SHAHZAIB AKBER

20 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A epidemia do covid-19 segue avanzando; xa se superou en todo o mundo a cifra (oficial) de un millón de mortos, e algo máis de 33 millóns de contaxios. Pero serán moitos máis; se hai dúbidas en España, que non pasará en África? As expectativas están depositadas hoxe nas vacinas, con datos esperanzadores: segundo a OMS hai 180 candidatas, e delas 6 (Pfizer, Moderna, Oxford-Astra-Zéneca e as 3 chinas: SinoVac, CanSino e SinoPharm) están finalizando a fase 3 de ensaios clínicos; e seguirán outras 13, xa con ensaios en humanos, como a de NovaVax (que producirá Biofabri, no Porriño); todas requirirán a aprobación das axencias dos medicamentos, como a americana e a europea.

Pero... quen pagará as vacinas nos países pobres? En xuño pasado lanzouse a plataforma COVAX, na que participan a OMS, GAVI (Alianza pola Vacinación), o Banco Mundial, a patronal farmacéutica IFPMA, as fundacións Gates e Wellcome, Cruz Vermella e outras entidades. 80 países (sen EE.UU. nin China) apoiarán esta iniciativa, como España, que destinará 50 millóns de euros, unha cifra moi modesta comparada cos 637 do Reino Unido.

As vacinas distribuiranse en 92 territorios de ingresos mediano-baixos, seguramente por medio de Unicef. Pero... serán gratis? Non, o compromiso é que custen entre 1,6 e 3,1 dólares por dose. Un elemento de interese é a participación do Serum Institute of India (SII), o maior fabricante de vacinas do mundo. A meta é titánica: para fins do 2021, distribuír 2.000 millóns de doses. Porén, a iniciativa COVAX foi criticada por diversas ONG, que apuntan, máis alá do prezo, 3 problemas: 1.- Acaparamento polos países ricos, como a iniciativa Warp Speed de EE.UU. ou a europea Inclusive Vaccines Alliance, que lembra o sucedido na epidemia de gripe porcina H1N1 de 2009, cando os países ricos compraron case todos os suministros. 2.- Distribución en países tropicais con redes febles de loxística e de refrixeración das vacinas. 3.- Existencia de grupos negacionistas e conspiranoicos: desde grupos relixiosos ultras en ámbitos de islam, cristianismo e xudaísmo, que se opoñen ás vacinas, ata grupos militares como Boko Haram ou talibáns.