Juan Carlos I, un 12 de outubro

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

17 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixeron os medios que o rei emérito podería volver a España o pasado 12 de outubro, pola caladiña, e recordei aqueloutro de 1992, en Sevilla, cando no cumio do xoancarlismo clausurou ante 100.000 persoas a Expo 92, cun discurso seguido en silencio e con emoción. Eu estaba alí. Chegara a Sevilla cando faltaban 13 días para a inauguración e o recinto fervía en traballadores que facían xornadas laborais continuadas para rematar as obras na data prevista. Cun pase especial puiden acceder diariamente e vin a transformación do espazo con estruturas que nacían en poucas horas. Traballábase a ritmo frenético e os accidente eran inevitábeis. O pavillón das Illas do Pacífico Sur, de madeira e folla seca, un dos máis humildes pero tamén dos máis exóticos, ardeu en poucos minutos pola imprudencia dun soldador inexperto.

Pero na inauguración, o conxunto lucía coma o xoguete publicitario xamais imaxinado. O pavillón de Galicia promocionaba o Xacobeo 93 cunha espléndida maqueta da catedral e o botafumeiro de 80 quilos que, en 1851, fixera o prateiro compostelán Xosé Losada.

Como estaba previsto, ás 14.30 en punto entrou o presidente Fraga coma un lóstrego, despois de percorrer media expo baixo unha calor abafante. Con el, tirando do alento, o conselleiro Vázquez Portomeñe e Daniel Varela, o director. E atrás unha comitiva de homes espeluxados, cos colos das camisas abertos e as chaquetas no brazo; mulleres dobradas, agarradas aos homes, os bolsos polo chan, coxeando… Fraga tombáraos a todos e no discurso inaugural case tumba a Aznar, ao falar dunha Galicia plenamente autonómica e da administración única. Aquel día os restauradores do pavillón reproduciron o milagre da multiplicación dos pans e dos peixes porque, de súpeto, os 300 invitados convertéronse en 500 e ningún saíu con fame.