Un funeral en Finlandia

Lehtikuva dpa

A título persoal quero facer esta reflexión. Recentemente un familiar tivo que organizar desde Bruxelas un funeral en Helsinki. Unha situación difícil en calquera momento, pero moito máis complicada se hai que facer todas as xestións desde a distancia dadas as restricións. Sen embargo, todo se fixo por teléfono e correo electrónico. Sen ter que firmar nada, moito menos presentar documento algún. Neste caso concreto tomáranse precaucións con tempo dabondo. Moitos dos trámites que ignora calquera persoa que non teña relación cotiá co mundo da sanidade, a xustiza ou as funerarias foron solucionadas automaticamente desde Finlandia sen mediar xestión algunha. 

 Dito isto, pregúntese o lector se organizar algo tan importante a distancia, e desde o estranxeiro sería posible en Galicia. 

Todo vén a conto do anuncio desde a Moncloa do chamado «Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de Economía española», para entendernos as prioridades de gasto dos disque 170.000 millóns que o chamado Plan de Recuperación Europeo vai destinar a España. Aínda que hai que sinalar que nese total tamén se inclúen uns 55.000 millóns para 2021-2027 dos tradicionais fondos de desenrolo rexional, social e rural e que maiormente xestionan as Comunidades. No mesmo saco se meten tamén uns 50.000 millóns de créditos que poderían solicitarse. 

O realmente novidoso é o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que con 60.000 millóns a gastar en seis anos introduce grandes sete proxectos reformistas. Por exemplo, nada menos cun 16 % á loita contra a despoboamento e a rexeneración urbana. Unha das liñas máis pequenas, cun 5 % é a de modernización das administracións públicas. Se ata o ano 2020 non se gastaron a metade dos 40.000 millóns de fondos da UE do período 2014-2020, non hai datos en tempo real do covid, non se procesan os ERTE ou o ingreso mínimo vital, a xustiza é eterna, é por algo. Logo estráñanos que o goberno socialdemócrata finés non quixese dar máis cartos a España no cumio de xullo pasado. Eles xa fan todas estas cousas agora sen que a UE lles tivese que pagar as reformas. Incluído poder organizar un funeral a distancia sen papeleo ningún.

Por Serafín Pazos Vidal Responsable de política europea da Convención de Autoridades Locais Escocesas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Un funeral en Finlandia