Ciencia sen política

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

No disponible

13 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A carta dun feixe de «sociedades científicas españolas» sobre a xestión do andazo deu moito que falar, pero por pouco tempo, porque axiña foi escurecida pola xestión do abrollo que sofre a comunidade autónoma de Madrid, tan afectada polo virus como inmune ás recomendacións da OMS, a Unión Europea, e o Ministerio de Sanidade. A xestión madrileña resúmese en que as súas autoridades autonómicas fan o contrario que calquera outras: en vez de recomendar prudencia, seguir as normas e mesmo esaxerar nas recomendacións aos cidadáns, en todas as súas intervencións públicas insisten en que a situación mellora e as medidas están funcionando, aínda que os datos digan o contrario. Así levamos cinco semanas.

Discútese moito se todo o lío de Madrid é un cálculo político, se a presidenta Ayuso non dá máis de si ou se é un moneco nas mans de ventrílocuos da confrontación. Hai opinións para todos os gustos, pero o que é un feito é que médicos como o conselleiro de Sanidade e o seu equipo, médicas como a deputada Ana Pastor e todos os profesionais da Sanidade dentro das estruturas partidarias do PP danlle cobertura política á estrambótica postura das autoridades madrileñas. Non me atrevo a pensar que pola súa posición política desatendan o código deontolóxico que os vincula, pero estaría ben saber, por exemplo, que opinan sobre que non se debe confinar ao cen por cen para salvar ao un por cen.

A esta luz matizada e chea de contrastes debe lerse tamén a pretenciosidade dese manifesto de 55 asociacións médicas, de enfermería e asistenciais, algunhas científicas e a maioría de carácter profesional vinculadas ás ciencias da saúde. O texto non se compadece coa necesidade do matiz, a hipótese e a falsabilidade, nin co principio de prudencia que o método científico esixen. Todas estas sociedades, no seu comunicado dirixido literalmente ao «presidente do Goberno, presidentes das 17 comunidades autónomas. señores políticos», sucumbiron tamén á futilidade da comunicación como forma de expresión política, nestes tempos de populismo de ideas simples aparentemente baseadas no sentido común. Nin o simple nin o sentido común populista produciron nunca ciencia complexa. Tampouco distinguir entre nós «clase científica» e eles «clase política» parece a mellor forma de establecer diálogos de cooperación complexa propios das sociedades plurais e democráticas. A ciencia indaga o descoñecido. O máis revelador do comunicado reside en que a Sociedade Española de Epidemioloxía non aparece entre os seus asinantes. A ciencia sen política non existe ou é o noso peor pesadelo: o científico tolo de cómic. Ciencia y política democrática son igualmente necesarias. Unha ciencia sen persoas, sen sociedade, sen política, non serve como instrumento social. Como ben escribiu estes días a historiadora Lina Gálvez: «non saben de todo».