Principio e fin da hepatitis C

Sabela Lens García FIRMA INVITADA

OPINIÓN

FLICKR / KANIJOMAN / CCBY2.0

10 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas enfermidades ven o seu nacemento e se asoman á súa eliminación nunha vida de investigación. Este ano o nobel de medicina está adicado a tres virólogos que nos anos 90 identificaron o virus da hepatitis C: Harvey Alter, Michael Houghton e Charles Rice. O seu descubrimento bautizou unha enfermidade chamada nesa época «Hepatitis no A no B» (eran as que se coñecían). O virus da hepatitis C se transmite por contacto sanguíneo, por vía sexual e pode transmitirse tamén durante o embarazo. Co tempo, o virus produce inflamación no fígado (hepatite) que deixa cicatrices (fibrose) ata finalmente provocar cirrose e incluso cancro hepático. Sen embargo, a infección é silente (non dá síntomas), ata que xa a enfermidade está en fases moi avanzadas polo que o diagnóstico inicial é mediante análise de sangue. A Organización Mundial da Saúde estima que a nivel mundial hai 71 millóns de persoas infectadas polo virus da hepatitis C e este virus causa unhas 400.000 mortes ó ano. Un 1,2-1,5 % da poboación no noso país ten hepatitis C, maioritariamente debido a transfusión sanguínea antes dos anos 90 (non se coñecía o virus e polo tanto non se identificara o risco). Esta enfermidade é a primeira causa de cirrose e de indicación de trasplante hepático no noso territorio. Non obstante, non todo son malas novas.

Tras o descubrimento do virus, moitos grupos de investigación traballaron na procura de tratamentos antivirais. Os primeiros tratamentos lograban que menos da metade de persoas se curaran e a coste de sufrir efectos secundarios durante o longo ano de tratamento. A ciencia avanza e no ano 2014 comezamos a usar fármacos antivirais máis seguros e eficaces (taxa de curación 98 % tras 8-12 semanas de tratamento). O plan nacional de abordaxe da hepatitis C no que participaron asociacións de doentes, médicos e políticos logrou colocar a España entre os países punteiros no acceso ós tratamentos novos a nivel mundial. Pero non está todo feito, seguimos traballando para atopar a tódalas persoas coa infección (que non o saben) e para achegar o tratamento a aqueles grupos con máis dificultades (por exemplo, persoas que consumen drogas) co obxectivo común de lograr a eliminación da hepatitis C no noso país antes do 2030. Iso si, como con outros virus e outras enfermidades, sigamos investindo para que aquelas vidas dedicadas á ciencia e a sanidade vexan como ese esforzo evita que outras vidas perezan.