Cinco anos amordazados

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Enric Fontcuberta

03 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En 2015 o Goberno de España, daquela rexentado polo PP, aprobaba a Lei Orgánica de Protección de Seguridade Cidadá, esa que nós, que somos máis de simplificar, chamamos para entendernos lei mordaza. Porque foi iso basicamente, unha lei que o que buscaba (e abofé que o conseguiu) era tapar bocas. A poder ser, bocas críticas. A poder ser, bocas con razón. Así, dende que entrou en vigor, hai xa cinco anos, a Audiencia Nacional tivo que atender unha cantidade brutal de denuncias, sobre todo, por chíos de Twitter ou letras de cancións (hai un rapeiro aínda fóra de España, fuxido, claro, por cantar que o rei Juan Carlos era un corrupto… en fin, algo que ninguén podía maxinar). Por convocar manifestacións, por protestar nun pleno, por sacar unha pancarta, por poñer o que pensas nas redes; por, incluso, dicir segundo que cousas en certos foros se che pode aplicar a lei. O problema é a discrecionalidade e a subxectividade da mesma. Como se viu dende o comezo, dependendo de que autoridade teñas diante (dende un xuíz a un policía local), a inscrición da túa camiseta ou o que cantas nunha concentración pacífica, pode ser un delito. E amordázante.

Unha das promesas de Unidas Podemos, que agora está no poder, era a completa derrogación da lei mordaza. É de xustiza, pois é profundamente antidemocrática se entendemos que en democracia un ten dereito a dicir o que lle peta sen difimar nin falsear a realidade. É a famosa liberdade de expresión que esta lei cuestionou dende o principio e que fai que os que, coma min, facemos das redes sociais un vehículo de comunicación, expresión e pensamento, nolo pensemos vinte veces antes de darlle ao botón de «compartir», non vaia ser que me apareza pola porta un señor uniformado disposto a meterme o móbil quen sabe por onde.

Levan xa, Pablo Iglesias e os seus, moito tempo no poder. De momento non lles escoitei unha palabra sobre a derrogación da lei mordaza. Xa sei que a covid é unha urxencia, pero isto, créanme, tamén o é. Porque non é aceptable, nunha realidade onde a opinión (a boa e a mala e a regular, a verdade e as fake, a lucidez e a parvada) se democratizou, que exista unha lexislación que permite a posibilidade da represalia por algo que sae da propia opinión. Por suposto que o abuso debe ser perseguido. E a difamación. A eliminación desta lei non ten que ser para que cada quen desbardalle pola boca como queira. Máis ben, todo o contrario. Do que se trata é de que, por puro sentido democrático, se poida permitir un debate público en liberdade, con calma e sen medo. Senón, non hai democracia real.