Quino, grande entre os máis grandes

Siro
Siro LIÑA ABERTA

OPINIÓN

Marcelo Ruiz | Efe

01 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixounos Quino e debo improvisar algunhas ideas sobre el e a súa extraordinaria obra de humorista gráfico, así que tentarei responder dúas preguntas que pode plantexarse calquera lector ao coñecer a noticia: por que un rapaz chamado Joaquín Salvador Lavado Tejón, nado en 1932 na cidade arxentina de Mendoza, fillo de emigrantes andaluces, decidiu converterse aos vinte anos no Quino que fixo una profesión da creación de viñetas de humor. A outra é, claro está, cal é a razón do seu éxito.

Quino tiña un tío que debuxaba -o tío Joaquín- que lle puxo os primeiros lápices e papeis nas mans; pero contaba tamén cunha extraordinaria tradición de debuxantes humoristas e caricaturistas chegados a Arxentina de todos os países europeos. Na gran lección que recibiu o xove Quino estaba a dos debuxos dos galegos José María Cao -o patriarca da caricatura arxentina- e Juan Carlos Alonso, durante moito tempo o debuxante máis valorado en Sudamérica. De maneira que Quino tiña moito e bo onde aprender, e aprendeu porque -velaí a primeira razón do seu éxito- era un debuxante excelente, de gusto requintado, e posuía tanto talento humorístico que puido deixar, sen resentirse, as tiras de Mafalda que durante anos lle abriran as portas do mundo.

A outra razón do éxito internacional de Quino, tan importante como a primeira, está na visión crítica da sociedade, no pesimismo das súas viñetas, que mostran a crúa realidade pero sempre con tenrura. Ante unha inxustiza, Quino pasa do inxusto e vólcase coa vítima, solidarízase con ela, chora e ri con ela. Niso consiste o humorismo, a creación suprema do humor, privilexio duns poucos elixidos.

Nunha viñeta, dous velliños -vello e vella- sentados en cadansúa cadeira, as pernas tapadas con mantas. O vello comenta: -No vayas a ofenderte Elcira, pero ¿nosotros éramos amigos, parientes, esposos, o qué?

En 2014 Quino obtivo o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación y Humanidades, e en 2014 o Premio Iberoamericano de Humor Gráfico Quevedos que concede a Fundación General da Universidade de Alcalá. Ambos merecidos por ser grande entre os grandes.