Cumpriuse o domingo o funesto aniversario do fusilamento de cinco rapaces. Dous eran vigueses, Baena Alonso era estudante de Filosofía e Letras nas mesmas aulas nas que eu estudei e profeso, Sánchez-Bravo Solla estudaba a carreira de Física en Madrid. Nin piedade, nin perdón, nin fraternidade tivo con eles a ditadura que os levou ao paredón no último acto da matanza que comezara cun golpe trinta e nove anos antes.

Dende a morte de Franco ven sendo repetidamente evocado o discurso de Manuel Azaña de xullo de 1938, Paz, piedad y perdón, a última alocución pública do presidente da Segunda República que legou ao futuro a vontade de superar a Guerra Civil. Menos lembradas, pero máis fraternais, foron as palabras de Juan Negrín, presidente do Consello de Ministros, nunha visita á fronte de guerra un mes antes, desexando un futuro no que nas «estelas funerarias» dos cemiterios aparecesen irmandados os nomes das vítimas da loita, para rematar maldicindo ao «gobernante que ao cabo da contenda non comprenda que o seu primeiro deber é lograr a conciliación e harmonía que fagan posible a convivencia cidadá». Tan duro debeu ser aquel último ano da guerra que o mesmo xeneral Yagüe, ao seu peculiar xeito, fixera un discurso de perdón un mes antes.

A política de reconciliación da oposición democrática, inspirada polos comunistas e reutilizada polo poder do franquismo despois de Franco morrer, trunfou uns meses despois daqueles fusilamentos. Con esta historia é de supoñer que detrás da idea de reconciliación hai diferentes significados e, sobre todo, moi diferentes interpretacións. Dá noxo ver aos defensores do franquismo evocar en sede parlamentaria a reconciliación como mérito da Transición. O que eles adoito chaman concordia. Unha e outra esixen coñecer, superar e renunciar. Dá xenio ver aos herdeiros daqueles comunistas evitar evocala. Non pode escribirse a historia lendo só as páxinas que nos gustan ou conveñen no presente.

A democracia aínda ten pendente coñecer e enfrontar ás súas pantasmas. Son sobre todo os herdeiros do franquismo os que deben facelo. Non só os declarados, tamén os non declarados, para evitar que a memoria da infamia poida con eles e cos valores compartidos. Coñecer é doado, abonda con ler todas as páxinas do pasado; afrontar é máis difícil, non pode facerse -como tantas veces- cos criterios de hai corenta e cinco anos, senón cos de hoxe. A convivencia democrática necesita coñecer a resposta á pregunta: nas mesmas circunstancias e no mesmo contexto volveríanos fusilar? Aos cinco de Hoyo de Manzanares condenounos un tribunal militar nun xuízo que deberá ser revisado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos
Comentarios

Reconciliación. 27 de setembro de 1975