Non quero que o meu fillo vaia á escola

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

30 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo van aparecendo novos casos de contaxios, aumenta o número de países interesados en que os seus fillos non asistan ao centro docente, por medo a que collan o virus. Hai algúns que están dispostos a axudarlles a aprender na casa. Isto pode levarse a cabo co alumnado de educación infantil, por ser unha etapa de ensino voluntaria, pero no noso país a educación básica e obrigatoria (primaria e ESO) e non está permitida sen a asistencia á escola. Cando o alumno acumula un 10 % de faltas sen xustificar, os centros teñen a obriga de abrir un expediente. De non reconducirse a situación intervirían as autoridades educativas, os servizos sociais dos concellos ou mesmo os tribunais. O Constitucional ratificou esta obriga nunha sentenza de finais de 2010 e incluso ten habido condenas de cárcere por incumprir cos deberes inherentes á patria potestade ao non enviar os fillos ao centro docente.

Non ocorre así en moitos países, como EE. UU., Francia, Inglaterra, Italia ou Portugal, nos que a través da coñecida como educación libre ou homeschooling, está permitido proporcionar a educación básica aos fillos no fogar, cun control da avaliación do currículo oficial por parte da Administración educativa. Están a aumentar os movementos de familias que defenden esta modalidade de ensino-aprendizaxe non presencial, a raíz da situación provocada pola pandemia e despois da experiencia adquirida nos meses de confinamento, nos que a teledocencia iniciou un imparable proceso de consolidación. Preténdese unha revisión xurídica para conseguir unha maior liberdade educativa que permita aos pais optar pola formación dos fillos na casa.

Pero os rapaces necesitan relacionarse cos demais e a escola é un dos axentes de socialización, onde aprenden a convivir adquirindo valores e normas necesarias para a súa plena integración na sociedade. A carencia dunha relación constante co contorno escolar é moi prexudicial para o neno, sobre todo cando é pequeno, e incluso pode afectar ao seu desenvolvemento cognitivo. Aínda que a actual situación sanitaria produce medo e inseguridade, sempre que non haxa recomendación médica en contra, os pais deben enviar os fillos ao centro escolar, o cal non significa que non se potencie tamén o ensino no propio fogar.

A Administración debería regular con claridade esta modalidade educativa, permitíndoa en determinadas circunstancias e baixo a súa supervisión, tentando conseguir un equilibrio entre formación na casa e no centro cando así o desexen as familias.