Cultura clásica

OPINIÓN

XOSE CASTRO

24 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

outro día falaba cun amigo, profesor de Historia, do pouco valor que para moita xente ten a cultura, e confesoume que na vila en que el imparte clases presentóuselle no instituto un pai, todo alporizado, para lle reclamar o motivo polo que lle suspendera ao seu fillo Cultura Clásica, unha materia que, segundo el, non servía para nada. O valor engadido da historia é que este pai era o concelleiro de Cultura, feito que non nos alarma pois temos exemplos dabondo no país, e fóra del, para salientar que estes postos ás veces son ocupados por verdadeiros ignorantes que mesmo desprezan unha cultura que eles dirixen e adoitan ir arrastrados aos actos coma se fosen a un enterro de comenencia. Sei dun concelleiro que se gababa entre os seus de que endexamais lera un libro e velaí estaba, tan pancho, inaugurando exposicións, presentando libros e enchendo a boca coa palabra cultura coma se fose unha goma de mascar. Vendo estes días as manifestacións en diversas cidades para alertar da precariedade do sector cultural non deixo de pensar nos miles de traballadores do espectáculo e eventos que o están a pasar mal polas medidas de aforo e a falla de ingresos precisamente porque unha boa parte desta cultura presencial está parada e desprotexida. E non me cabe dúbida de que con estas ausencias todos somos máis pobres, mesmo eses concelleiros que asisten a unha obra ou a unha presentación sen desapegar os ollos do móbil. Porque a cultura alimenta e permanece no tempo. Dicía Chesterton que nada é máis fráxil ca un feito; unha fantasía, pola contra, pode durar miles de anos, tanto como para que unha materia como Cultura Clásica siga aí e ese profesor amigo lle poida dicir ao pai ofendido que, polo menos, neste caso concreto, serviría para que o seu fillo pasase de curso.