A ética e a cociña

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O da Kitchen non é moral. E non o é porque se gastaron unha millonada de cartos públicos para protexer a un partido político, cando os recursos para a prevención da violencia de xénero, por exemplo, resultan insuficientes. España é un dos países de Europa onde menos axentes hai por muller maltratada. Case que todos os países de Europa teñen máis policías dedicados á protección das mulleres ameazadas ca nós. Por iso, que se dediquen 70 axentes policiais do Corpo Nacional de Intelixencia a seguir a unha muller (sobre todo os seus bolsos, por se tiñan documentos preocupantes para algunhas persoas do PP) é absolutamente inmoral. Como se lle explica ás vítimas de violencia de xénero que non poden ser protexidas? Como se lle conta iso ás que xogan a vida todos os días só polo feito de seren mulleres?

É absolutamente inmoral que eses axentes usaran sistemas intelixentes de escoita, complexos aparatos de vídeo e sistemas de rastrexo de persoas cando hai tantas mulleres que poden ser asasinadas e ás que o sistema xudicial só lles ofrece ordes de afastamento dos seus potenciais asasinos que, como se ve, non son nada efectivas. Que tantos recursos de última xeración, de supertecnoloxía, se dedicasen a algo como a espionaxe relacionada coa protección de altos cargos dun partido é simplemente inmoral, pois non se pode dar esa realidade ao tempo que se confesa a precariedade de medios para protexer a quen de verdade o necesita.

É radicalmente inmoral que existan fondos reservados (soa inmoral, moi inmoral), ou sexa, millóns de euros para gastar ao libre criterio do político responsable (ou irresponsable), cando se recortan os fondos para casas de acollida, para centros de menores, para programas de activación laboral a mulleres maltratadas. Algo indecente hai nun Estado que destina parte dos fondos que os contribuíntes pagamos, para asuntos (o caso Villarejo vaino explicando moi ben) que sempre rozan o mafioso, o ilegal, ou, reitero, inmoral.

Se por algo se debería caracterizar un Estado realmente democrático é por darlle transparencia e luz ata ao céntimo derradeiro. E en España hai demasiadas zonas opacas, moitos lugares grises, espazos onde o máis negro da noite se manifesta sen consecuencias, é dicir, fóra da legalidade, da moralidade, da ética. Un estado onde as cousas poden ser así (quen nos pode garantir de verdade que non hai cloacas, baixos fondos, lumpen, alí onde debería haber exemplaridade e servizo á cidadanía?) non é un estado moralmente aceptable. Todo isto é unha completa inmoralidade.