Martín Villa ante a xuíza Servini

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

12 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

escritor Juan José Millás recordou na Ser unha conversa con Rodolfo Martín Villa sobre a detención de Santiago Carrillo en Nadal de 1976 e o comentario do ministro de que chamara á comisaría para que non o torturasen. Millás, abraiado, preguntoulle: «¿Pero entonces usted es ministro del Interior de una Policía que sigue torturando? O sea que, para proteger a un detenido, ¿tiene usted que llamar para que no le peguen?». Martín Villa respondeulle cun aceno como dicindo: «Éche o que hai».

Era o que había e a min sorpréndeme que Juan José Millás, home de tantos saberes, descoñecese que o maltrato e a tortura foron prácticas comúns en moitas comisarías e cuarteis da Garda Civil no comezo da Transición. Unha das tarefas de Martín Villa foi erradicalas e Félix Alonso, comisario xubilado, recoñécelle o mérito de trocar os mandos reaccionarios por outros dispostos a defender o ordenamento constitucional e os dereitos e liberdades dos cidadáns. Cando en febreiro de 1976, durante un conflito laboral, foi detido en Lasarte Antonio Gutiérrez, futuro secretario de CC.OO., levárono ao cuartel de Intxaurrondo e o comandante Antonio Tejero, mostrándolle unha carpeta, berroulle: «Dale gracias a esos ministrillos reformistas que son unos rojos y unos liberales; porque con este expediente no salías vivo de aquí, hijo de puta».

Vivo saiu, pero durante días soubo por que aquel cuartel era famoso e odioso.

Martín Villa compareceu o pasado xoves, durante catro horas por videoconferencia, ante a xuíz arxentina María Servini, que o acusa de delitos contra a humanidade, polos mortos en accións represivas das forzas de seguridade do Estado e grupos de extrema dereita durante a Transición.

Especial relevancia ten a carga policial do 3 de marzo de 1976 en Vitoria, para poñer fin á asemblea de 4.000 traballadores en folga, co resultado de cinco mortos e un cento de feridos. Nas gravacións da policía a mesma voz que pedira reforzos e advertira de que empregarían as armas informa con fachenda: «Hemos contribuido a la paliza más grande de la historia. Aquí ha habido una masacre. Pero de verdad una masacre».

Presidía o Goberno Arias Navarro e era ministro do Interior Manuel Fraga, que ese día estaba en Alemaña. Ninguén asumiu a responsabilidade da acción policial, pero non é crible que a decidise Martín Villa, ministro de Relacións Sindicais.

O paradóxico é que tamén na Plaza de Mayo de Buenos Aires se produciu unha masacre semellante o 20 de Nadal de 2001, durante as protestas populares contra o corralito bancario decretado polo Goberno de Fernando de la Rúa, e ninguén se responsabilizou da represión policial que causou seis mortos e douscentos feridos; pero o ex presidente De la Rúa declarou ante a Xustiza, en 2009 e 2015, que foi a xuiz Servini quen ordeou desaloxar os manifestantes.

Tamén o é que as cartas á xuíz Servini de expresidentes do Goberno, pais da Constitución e exlíderes sindicais en defensa da actuación de Martín Villa no ministerio de Gobernación, lle pareza ao portavoz da Coordinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina «una presión intolerable». Pero xa se sabe que falar non ten cancela.