Cara outro Meirás


O pazo de Meirás, que debería ter sido un lugar de memoria axeitado á dimensión da súa titular, a escritora Emilia Pardo Bazán, botou moitas décadas ocupado pola familia Franco, que alí se instalou en condición de caudillo de España e gañador dunha guerra civil. Agora estamos nunha viraxe que nos debería levar novamente ás orixes. Construído como unha «granxa» agraria, ao modo que imaxinaba José Pardo Bazán que debía ser a agricultura moderna galega, foi mudado de vez pola súa filla Emilia cunha reforma que cadraba cos gostos afrancesados da escritora e así naceron as «Torres» como proxección goticista dunha humildosa granxa. Coa súa morte en 1921, aquelas torres perderon o sentido literario que a escritora lles dera e non gañaron nada co seu novo ocupante. Despois da morte de Franco, houbo varias tentativas para recuperar esta finca para o patrimonio público, pero todas tropezaron cunha dupla dificultade: a teimosía dos herdeiros de Franco en se manteren na súa posesión e a morneza con que as administracións públicas, locais ou estatais, reivindicaron a súa recuperación. Desde hai máis de dous anos, mediante unha acción combinada das institucións galegas (autonómicas e locais), a pericia dos expertos e a acollida do caso en sé xudicial, as cousas poden mudar. De momento, hai unha sentenza que aceita un argumento central: que houbo «simulación» na inscrición daquel ben por parte da familia Franco e que, en consecuencia, se tratou no seu día dun regalo ao xefe do Estado e non á persoa física que encarnaba daquela tal titularidade. Descoñezo se terá recorrido ou non o recurso que a familia Franco poida interpoñer perante outra instancia, pero sexa cal sexa a sentenza final, está dado un paso moi importante.

O asunto pode demorarse un tempo en sé xudicial, pero é preciso poñerse a traballar sobre o futuro que lle espera a Meirás. Hai algunhas evidencias que non se poden agochar: a primeira é que, malia oitenta anos de ocupación por parte de Franco e da súa familia, a memoria da súa principal propietaria, Emilia Pardo Bazán, non desapareceu. A súa obra e a súa persoa lémbranos constantemente que ambas son indisociables. A segunda é que nin Franco nin os seus herdeiros familiares ou políticos lograron nunca converter Meirás nun lugar de memoria do franquismo nin un lugar de «peregrinación», por nostálxico que fose, para os seus seguidores que sempre preferiron acudir ao Val dos Caídos, no canto de se achegar a Meirás. Este é o mellor apoio para a sentenza que se acaba de publicar. O traballo pendente é pensar un novo Meirás, para cando sexa reintegrado á titularidade pública. A mellor opción será vinculalo ao nome e á obra de Pardo Bazán, recuperando o que foi un lugar de memoria truncado. Canto máis se identifique Meirás coa escritora, menos presente será a memoria de Franco. E xa se sabe que «vida dos mortos é a memoria dos vivos».

Por Ramón Villares Catedrático de Historia Contemporánea

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Cara outro Meirás