O ano académico, entre lusco e fusco

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

José Pazos

25 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O ocio nocturno son lugares pechados, xente que se mestura e vai dun local a outro. Dende hai tempo tamén o botellón. Desfrútao -desfrutábao- sobre todo a mocidade. Pechárono nestes días polo aumento dos contaxios e porque cando rematen as vacacións de agosto recomeza a vida produtiva e a académica. Non hai que ser epidemiólogo para saber isto aínda que as autoridades non o dixeran. En Italia afirmárono explicitamente: pechamos as discos agora para poder abrir os centros educativos dentro de tres semanas. Aquí non se formula así. Por que non o sei. Haberá medo a espantar ao turismo, a cabrear aos socios de España de noite, a que un xuíz diga que se conculca un dereito fundamental ou calquera outra andrómena. Sabemos que en Corea ou Alemaña os novos gromos do andazo viñeron pola banda da noite, pero aquí somos máis lentos e hipócritas, seica acabamos de descubrir que temos unha chea de prostíbulos, así chamados oficialmente por primeira vez por autoridades masculinas.

O inicio do curso en todos os niveis, escolas, institutos e universidades, preséntase cheo de sombrizos augurios. Non é incerteza -esa témola todos e asumímola porque estamos nese tempo- é unha absoluta falta de seguridade o que se observa nas declaracións e silencios das autoridades políticas con competencia na educación. A iso súmaselle a vontade cativa de facer baixa política cun asunto tan serio. Un deses asuntos importantes que nun tempo de crise deben unir a todos os responsables políticos, sociais e sindicais e poñelos a pensar, dialogar, acordar e actuar. Non mencionarei Portugal porque xa está visto que aquí ninguén quere seguir ese exemplo. Pero non todos son iguais de responsables neste trelo. É máis quen máis competencias ten e quen foi elixido para exercelas. No asunto da educación a Xunta, e non asunto da política raquítica o partido que ven de gañar as eleccións para gobernala, actúa como se escollésemos un voceiro para falar con outros gobernos, co central que non ten competencias para por en marcha os coles nin as universidades, ou cos municipais que en Galicia se ocupan da limpeza e servizos básicos dos edificios que ocupan os centros escolares.

Alumnos por aula, hixiene, cadro de profesorado, analíticas previas, quendas, horarios, detección de casos, ensino en liña de ser preciso, todo segue na indefinición ou traballado como pode polas equipas directivas dos centros. Do máis importante, o financiamento, nin chío. Un castelo de naipes que poderá caer en calquera intre. Unha simple pregunta sobre se o profesorado en situación de risco vai estar exento de impartir docencia pode botalo embaixo. Pero non se preocupen xa hai un equipo de comunicación política definindo escenarios para segundo o caso culpar a uns ou a outros. A dificultade para unir a un país non é o menor problema dos revelados neste tempo. Cada quen escolla o «país» que queira, de Galicia a Europa. Escollan un e actúen como se fosen responsables políticos ou viceversa.