Vacinar o mundo

OPINIÓN

20 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O mes de agosto fai albiscar un outono complicado, sobre todo coa volta ao cole. A casuística destes días enche todas as informacións cunha competición de datos por vilas, cidades e comunidades, mesmo países, comparativas constantes que parecen substituír unha especie de clasificación deportiva. E por baixo destas loitas estatísticas a vida continúa a medias, coas súas historias boas e malas, con doenzas moito máis graves que semellan quedar á marxe desta enxurrada de casos que xorden e espertan para nos ameazar cunha nova reclusión. Marshall Burke, un economista dos recursos naturais, asegura que o confinamento reduciu a polución en China dabondo como para salvar máis vidas que as mortes producidas polo covid-19. Esta apreciación, difícil de probar, debería de axudarnos a poñer o foco sobre a orixe deste tipo de enfermidades. Todos sabemos que ese mundo que se detivo en marzo ten que seguir xirando para que a economía non provoque unha crise de consecuencias inimaxinables. Teremos pois que renunciar a unha vida normal e seguir afastados os uns dos outros. As olladas seguirán desconfiadas e o cambio dos rostros xa non será interino. Iso si, manteremos as preocupacións de se volveremos ao fútbol, aos bicos, ás apertas eufóricas, ao teatro, aos concertos, á presentación dun libro ou ao entroido. Seguiremos vivindo na prórroga, neste ensaio que nos di que non estamos a salvo de nada, nin tan sequera dun virus democrático que, dalgún xeito, nos afecta a todos e é produto da intervención do home en todos os ecosistemas. Agardemos tirar algo positivo desta paréntese nas nosas vidas e sexamos quen de nos decatar da necesidade urxente de mudar a nosa conciencia ecolóxica para deixar un mundo máis limpo. Esa será a mellor vacina para as pandemias.