Unha criatura de Homero

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica este ano marchou o polbo das rías. Marchou?, dinme os meus informantes. «Hai ben tempo que colleu vacacións, malpocado». Ou obrigárono a collelas. Este país noso consume bastante máis do que captura, e mesmo do que produce. Non digamos no tempo de verán, co país inzado de visitantes e (antes) de romarías. Que é unha romaría sen polbo? Na Real Academia Galega discutimos moito sobre o nome do cefalópodo, cuxa denominación vén do grego polipus (poli, moito, e pus, pés): o de moitos pés, que na lingua nosa chamamos raxos. Hai algo homérico no nome da criatura. Na Ilíada, o guerreiro Aquiles, héroe nas praias de Troia, era denominado sistemáticamente o dos pés lixeiros. O noso polbo, en grego científico, é octopus, o dos oito pés, que tantas veces aparece decorando a cerámica daqueles mares. E velaquí que anda escaso. Consumímolo cunha voracidade que impresiona: cociñado á feira nas romarías e preferentemente en caldeirada nas Rías Baixas. Cando rapaz viamos entrar as dornas polbeiras pola parte de Tambo a descargar a mercadoría nos peiraos das Corbeceiras pontevedresas. O meu tío Alfredo andaba daquela ás nasas (nécora, polbo e camarón), e na casa dicíase que «ano de nécoras, ano sen polbo», e ao revés, «ano de polbo, ano sen nécoras», entre outras razóns, porque o aninaliño ten devoción especial polas andaricas, tamén chamadas navañeiras, segundo as zonas. Manolo de Ons saía pescar con espello, debruzado na popa da dorna, axexando no fondo de area ou no coveiro das pedras, onde a criatura facía cama de cunchas. Metía o bicheiro, cando non a man, e sacaba exemplares magníficos. 

Polbo e patacas da casa. Cando lle preguntaba ao meu veciño Benigno, vello patrucio da aldea, polas súas comidas favoritas, só nomeaba dúas: polbo e churrasco. Do churrasco falaremos outro día. O señor Benigno dicía pulpo, non polbo. O pulpo, a xente identificao coas pulpeiras do interior (Carballiño, Ribadavia, Santiago, Lugo) e hai quen argumenta que cociñalo en caldeiras de cobre con aceite e pimentón (doce e picante) é un invento dos maragatos, igual que a carne ao caldeiro e as mantas zamoranas. A denominación polbo mantense viva nas rías, entre a xente mariñeira, que o consumía (e consume) preferentemente en caldeirada con moita cebola, patacas e pimentos verdes, ás veces cunha airexiña de allada.

En calquera caso, o animaliño ben presta. O do pais anda estes días na praza de Meira (Moaña) a 14 euros o quilo. Aínda que o que manda nos grandes mercados, dentro e fóra de Galicia, por máis que se presente vestido á galega, é africano, chileno, portugués ou turco, que entra conxelado en barcos ou por avión, porque aquí esquilmámolo, como esquilmamos tantas cousas. Volvo aos meus informantes das rías: «Antes a veda facíase para garantir a desova. Agora no calendario mandan os mercados».