Por qué hai monarquía en España?


Hoxe a pregunta é pertinente. É a pregunta dos historiadores. Non sabemos se seguirá habendo monarquía nin como pasará á historia Juan Carlos (hai tantas opcións como futuros). Por que en España segue habendo monarquía, sendo Felipe VI o quinto rei que deixa no estranxeiro a seu pai ou nai dende 1808? Juan Carlos I leva o camiño de Carlos IV, María Cristina, Isabel II e don Juan. A historia descubre o que o presente tapa das elites. E repítese. Os sucesivos Borbóns argallaron de facer un peto por se os botaban do trono. Ao final sempre os botaron, entre outras cousas, por roubar. Un grande paradoxo repetido. Nestes dous séculos houbo dúas repúblicas que duraron dez anos e un feixe de rexencias nas que os reis nada pintaban, incluída a longa ditadura de Franco.

Malia todo temos monarquía. Hai que explicalo, hai argumentos. Un, decidiuno o franquismo. Dous, entre 1974 e 1977 franquismo e antifranquismo -tamén o Movimiento e PCE- coincidiron que ao cabo era a solución posible para lograr unha saída democrática á ditadura. Viña de lonxe: 1948, Prieto empeñou o prestixio nunha fracasada negociación con don Juan e o PSOE de Llopis confiou nesa opción mentres deixaba ao pairo ao Goberno no exilio; na reunión de Munich de 1962 estaban os monárquicos e todos os opositores; J. Comorera, republicano catalanista, socialista e primeiro secretario do PSUC, finado en 1958 no cárcere de Burgos, deixou dito que podería ser a única solución viable. Catro, volvendo a 1975, sobre a base do rei, os xoves turcos do Movimiento puideron fraguar a alianza entre azuis e Opus para dar unha saída ao Réxime. Era o mellor parapeto -lexitimidade política de Franco e máxima xerarquía do exército- e como tal foi usado pola UCD como pasaporte para negociar e avanzar. Seica antes tiñan que desfacerse de Arias Navarro. Algún día saberemos quen ditou o famoso discurso na Cámara de representantes norteamericana, en xuño de 1977, cando Juan Carlos falou por primeira vez de democracia e abriu a solución Suárez. O quinto argumento ten que ver coa xeoestratexia que alimentou esa opción antes doutra. Máis aínda despois da Revoluçâo portuguesa. USA (Kissinger) só aceptaba estabilidade garantida e hoxe sabemos que mesmo China (Mao) e antes a URSS (Gromiko) preferiron a opción monárquica para dar saída ao franquismo. Eran tempos de distensión entre superpotencias. 

Converxer na saída monárquica tiña que ver cun argumento pragmático e histórico. Desde 1945 as monarquías europeas que gañaran o aval antifascista podían garantir tanta democracia como as repúblicas. Juan Carlos non tiña idade, pero tiña un pai que mal que ben actuou como referente antifranquista e lexítimo no exilio dende 1942. Todo tan ambiguo como a saída do franquismo requiría. Todo indica que o rei fixo ben o que lle mandaron (Franco, Torcuato, Adolfo, Sabino). Rematou o choio en 1981 deixando tantos convencidos como dubidosos. Esquecéronse as dúbidas para facer do rei un símbolo democrático. Ata hoxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Por qué hai monarquía en España?