O virus hai que ventilalo


A culpa dos brotes causados polo coronavirus non ten que caer tan só no ocio nocturno, existen moitos máis eventos igual ou máis perigosos, coma ir a igrexas concorridas. Foi o que pasou en Corea do Sur, onde se rastrexou a un grupo de cinco mil persoas infectadas do coronavirus, o que representou o 60 % das infeccións de toda a nación, e que tiñan en común a súa vinculación cos asistentes á igrexa Shincheonji en Seúl. Non foi o único, detectáronse numerosos brotes masivos vencellados a igrexas onde acontecían eventos relixiosos masivos. Polo que o peche exclusivamente dos locais de ocio nocturno non vai evitar os rebrotes.

Aínda que os brotes non tiñan que ser do peor que puidese pasar nesta pandemia se os mantemos baixo control. Pero hai que facelo da mellor maneira, empregando estratexias efectivas e que teñan unha baixa afectación na sociedade e na economía. Deberían de empregarse as mesmas restricións a todos os locais con perigo na transmisibilidade que non cumpran as condicións mínimas, é dicir, recintos pechados onde se aglutine moita xente. Reducir os riscos é a mellor medida para evitar os rebrotes, pero temos que ter coñecemento das condicións nas que se producen estes contaxios. Existe un risco considerable cando unha persoa positiva para o SARS-CoV-2 ten unha alta carga viral, especialmente unha semana despois do contaxio e durante dous días cando alcanza o seu pico. Aínda que a maioría da xente infectada, con síntomas ou sen eles, non transmiten o virus por non ter un contacto directo con moita xente ou usar máscara, pero os poucos infectados que contaxian probablemente sexa por estar nun lugar concorrido, e durante un tempo prolongado que fai que o aire que desprenden ó respirar sexa compartido por xente non infectada. O epidemiólogo da universidade de Maryland Don Milton firmou fai un mes, xunto con dous centos científicos máis, unha carta dirixida á OMS advertindo da transmisión do virus suspendido no aire. Ós poucos días a OMS cambiou as súas recomendacións e alertou desta posibilidade. As minipartículas respiratorias que conteñen o virus poden quedar en suspensión no aire a pesares de que a persoa contaxiosa non este presente. Polo tanto, unha mala ventilación en locais pechados aumenta considerablemente a probabilidade de infección, quizais máis que non gardar as distancias. Hai que ter en conta os serios riscos na transmisión nos lugares ou eventos super-espalladores, coma poden ser as residencias de anciáns, os hospitais, as prisións, os ximnasios, as plantas de envasado de carne, as escolas, os locais con mala ventilación, ou eventos masificados.

Para controlar os brotes propuxéronse varias medidas seguindo modelos epidemiolóxicos que algúns países coma Nova Zelandia souberon aplicar con éxito. Estas prácticas consisten na identificación do brote, illamento, corentena, e estratexias para o rastrexo dos contactos. Algúns países seguen os datos dos teléfonos e dos movementos das tarxetas de crédito para reconstruír os pasos das persoas infectadas e os seus potenciais contactos, evitando así que se expanda o brote.

Se a transmisión comunitaria non está controlada, a apertura das escolas supón un risco, segundo expertos da sociedade de enfermidades infecciosas dos EE.UU. Neste país nas últimas dúas semanas rexistrouse case 100.000 nenos e nenas de todas as idades infectados do coronavirus a medida que se abriron as escolas, demostrando que están na cadea da transmisión da enfermidade. Detectouse igual ou máis carga viral nos cativos, incluso en menores de 5 anos, que nos adultos, polo que supoñen un serio risco na transmisión. Isto fai uns meses negábase. Aínda que os síntomas sexan leves, ou mesmo ausentes, isto non quita que algúns rapaces enfermen gravemente, e que poidan contaxiar ó persoal docente ou ás súas familias. A propagación do virus nos nenos e nenas é unha realidade.

Fronte á existencia de brotes comunitarios sen controlar nin rastrexar, a apertura das escolas e institutos será un fracaso. En EE.UU., Israel, ou Alemaña, as escolas pecharon ós poucos días de abrirse, presentando outro problema engadido no control dos novos brotes. De non implantar nos colexios medidas de protección e protocolos rigorosos que eviten a transmisión, coma uso de máscaras, ventilación, distanciamento, hixiene de mans e desinfección das aulas, a apertura das escolas se prevé que será un desastre.

Por Sonia Villapol Científica no Centro Médico de Houston (Texas, EE.UU.). Equipo de Investigación Internacional da COVID-19 (COV-irt.org)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

O virus hai que ventilalo