As calumnias ao ensino concertado

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

27 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Rectifícase, unha vez máis, despois de ter feito o dano. Unha emenda transaccional de PSOE, Podemos e Esquerra Republicana de Catalunya permitirá ao ensino privado concertado acceder a unha parte dos 2.000 millóns de euros que o Goberno de España investirá en educación para paliar os efectos do virus. O ditame da Comisión para a Reconstrución Social e Económica contemplaba que este diñeiro iría destinado á «educación pública de xestión directa», quedando excluída, xa que logo, a concertada, a pesar de estar sostida con fondos públicos. Coa referida emenda elimínase esta expresión e dáse prioridade só ao alumnado en situación de vulnerabilidade.

A base legal do ensino concertado está no artigo 27 da Constitución e, en desenvolvemento desta, na LODE, primeira lei orgánica do ámbito non universitario aprobada polo PSOE. Ratifican este apoio á privada a LOE (2006), tamén do PSOE («a prestación do servizo público da educación realizarase a través dos centros públicos e privados concertados»), así como a maior parte dos regulamentos. Por que se empeña entón este partido, cada vez que entra no Goberno, en arremeter contra este tipo de centros? Agora foi o veto a eses cartos para o covid-19, pero antes foi a acusación de elitismo na selección de alumnos, de discriminación por razón de sexo ou de privatización do ensino.

A realidade é moi diferente a estas calumnias, pois a normativa que regula a admisión de alumnos en centros sostidos con fondos públicos é igual para o ensino público que para o concertado. Non pode haber, polo tanto, ningún tipo de elites no segundo, xa que calquera alumno, con independencia da súa clase social ou da necesidade educativa que precise, pode entrar nestes centros se obtén a puntuación obxectiva necesaria. E aínda que sexa residual, polos poucos centros afectados, o Tribunal Constitucional sentenciou, no 2018, que a separación por sexo no ensino concertado é unha opción pedagóxica que non pode conceptuarse como discriminatoria.

Se o PSOE quixera realmente ter prescindido da concertación do ensino sen afectar á liberdade de elección de centro puido optar, nos moitos anos en que gobernou, polo cheque escolar, sistema de financiamento da educación estendido en varios países anglófonos ou nórdicos. Pero nunca o fixo en serio porque ben sabía que iría en contra de algo tan importante como a equidade educativa, na que non estamos mal situados, en especial en Galicia.

Pero os socios de Goberno apertan e hai que seguir xogando á demagoxia de meterse de vez en cando co ensino concertado para manter enganada a unha parte do electorado, dando a imaxe de que se fortalece en exclusiva o ensino público. En calquera caso, o que descoñecen moitos é quen é o verdadeiro pai da criatura, que agora pretende desvincularse dela.