A Coruña, chave da Galicia 2030

Inés Rey CLICHÉ

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 25 de Xullo de 2020 non é un máis. Chega marcado polo recordo de todos os seres queridos que nos quitou a covid-19, aos que honraremos de novo. Mais tamén coa memoria moi presente arredor do feito de que hai este ano xusto un século, na Coruña, as Irmandades da Fala celebraron por primeira vez a data como Día de Galicia, agora amplamente recoñecida pola cidadanía así como, no institucional, polo noso Estatuto.

«A Coruña, a capital da Nosa Terra, comeza a dar o exemplo. Nos anos vindeiros, imitarana todas as cidades galegas», afirmaba o órgano oficial das Irmandades en 1920. Ao ano seguinte, xa La Voz de Galicia recolle nas súas páxinas o entusiasmo que espertou que o 25 de Xullo no Pazo de María Pita ondease por vez primeira a bandeira galega, franxa azul sobre fondo branco, como a do porto situado a só 200 metros. Polo tanto, sen A Coruña non se pode entender o galeguismo nin o Día de Galicia, sexa o de onte ou o de hoxe.

A Coruña ofreceu un espírito de autonomía hai corenta anos, cando a loita antifranquista foi capaz de recuperar o noso autogoberno, por cuxa restitución esta urbe saíu á rúa de forma masiva en 1977 e 1979. Era aquel un proxecto baseado no mesmo sentir histórico da cidade, liberal e de progreso. Non foi asumido, o que causou certas interferencias na relación entre cidade e comunidade autónoma. Para nada é tempo de reabrir feridas ou erros de cada parte e menos mirar por un retrovisor xa picado. Pero, neste centenario do 25 de Xullo como Día de Galicia, A Coruña volve presentarse como o que é e o que loce nas palabras que presiden o noso pazo municipal: Cabeza, Garda e Chave, Forza e Antemural do Reino de Galicia.

O coruñesismo de 2020 é fondamente metropolitano e galeguista, sempre desde o sentido aperturista e integrador, sen ningunha tentación de fronteiras. Ten memoria e porvir. Moito que achegar. Sería un inmenso erro desaproveitar a nosa potencialidade como beneficio para todo o país.

A Coruña, Galicia, España e Europa enfrontan un momento decisivo. A recuperación das crises vencelladas á pandemia supoñen un reto xigantesco que temos que asumir con luces longas, pegadas á rúa, á terra e á xente. Os desafíos que marca a Axenda 2030 da ONU viron reforzada a súa urxencia. Cómpre camiñar nesa dirección. Coa Coruña disposta a liderar en avances e solidariedade. A Galicia 2030 precisa uns alicerces que nesta cidade xa temos avanzados. Industrias sostibles -onde o téxtil ou as TIC apuntan a ser clave-; economía azul -na que debe xogar un relevante papel o noso porto- e políticas de coidados, que a súa vez tamén son feministas: ben o sei como primeira alcaldesa democrática da miña cidade. Apostas culturais e servizos de proximidade son outros factores que na Coruña coñecemos de sobra grazas a un modelo de municipalismo social que, adaptado ao territorio e os tempos, pode axudar e moito á Galicia que queremos. Temos abondo que poñer sobre a mesa para ben de todos e todas.

A Coruña é referente. Iniciou hai un ano un proceso de reactivación. Pero igual que ofrece potencialidade necesita investimento doutras administracións, do Goberno central pero moi especialmente da Xunta, á que desde María Pita xa tendemos a man en numerosas ocasións, con algúns acordos, como no que atinxe a Vivenda. Diálogo e colaboración é a proposta. O porto, a intermodal, saldar a débeda coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e avanzar no novo CHUAC, desde unha modulación xusta e que teña en conta tamén as necesidades de persoal, semellan actuacións a acelerar, entre outras. Retrasalas non nolo perdoarían nin a cidade nin o país.

Como hai un século, A Coruña aposta por ser referente de Galicia, desde a visión global. Porque a Galicia 2030 ten aquí, de novo, unha grande oportunidade. Poñámola en marcha.