Non é racismo

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Paolo Aguilar

20 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é racismo, é aporofobia. A RAG define aporofobia como «medo, rexeitamento ou aversión aos pobres ou desfavorecidos». Ou sexa: odio aos pobres, aos que non teñen onde caer mortos. Así que o que pasa en moitos lugares do mundo, e que está de triste actualidade polo que sucedeu en Estados Unidos, non ten que ver con cores de pel, ten que ver coa pasta, coas contas correntes. Coa pobreza. Coa miseria. Iso é o que se rexeita. Por iso esa clase de comportamento é tan inmoral: rexeitar a alguén porque, como Pau Donés cantara, naceu na parte mala do mundo, é absolutamente vil. Odiar a xente que vén de países empobrecidos (que non pobres), de orixes familiares marxinadas secularmente, de etnias masacradas dende que o mundo é mundo, é absolutamente indigno. En troques de compaixón e ganas de mudar esa realidade, desprezo. O racista é do máis baixo que dende un punto de vista moral poidamos maxinar.

Non é racismo, pois, é aporofobia. Moita xente que di que odia aos «moros» perdería a dignidade porque un xeque deses de iates máis grandes que o meu piso lles dese unha pequena parte das súas migallas. Eses non se meten con Zidane ou Benzema (este último, por certo, condenado xa un par de veces por asuntos pouco edificantes). Aí non ven «moros». Aí vén un grande adestrador ou, no caso de Benzema, a un futbolista que vén de gastarse 2,5 millóns de euros nun coche. Non son moros. Non son pobres. Nada que odiar.

O noso racismo de toda a vida é o que mantemos contra o pobo xitano. Sempre foi invisible, tanto, que nin sequera falamos de que existe un racismo latente eterno contra elas e eles. Unha discriminación, ademais, que parte do propio estado, que sabe, claro que sabe, que en moitos casos non están os menores de 16 escolarizados (ou de todo), pero non se fai nada por paliar esa situación. Pero é racismo? Pois depende. Lolita é actriz, ten un Goya, traballa na televisión… e é xitana. Alguén a percibe así? Non, porque representa, como os irmáns Carmona ou outra xente do artisteo, glamour e unha certa forma de poder.

É doado, moitísimo, discriminar ao feble, ao refuxiado, ao que está en inferioridade respecto a nós. A un «sudaca», pero non a Messi (que tamén é sudamericano e por certo, ouh casualidade, tamén condenado pola Facenda, que somos todos). A un negro, pero non a un grande da NBA. Podemos chorar que se esmendrellara co helicóptero Kobe Bryant, negrísimo, ao mesmo tempo en que cambiamos de canle cando vemos a outros negros tirándose da pateira e afogando no Mediterráneo. Eses non son nin negros, nin xitanos, nin sudacas, nin moros. Só son pobres. E por iso cómpre cambiar de canle. Que sigan sendo invisibles. Coma todos os pobres.