XMR

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

E temos que deprender a vivir destoutra maneira. Como sairemos desta? Con que hábitos, con que maneiras de entender a vida? Cústame falar de «nova normalidade». A normalidade ou é normal ou non é, e a saber o que é normal para uns e o que é normal para outros, mesmo fóra da pandemia . Mais a realidade impón as súas regras. Velaí as festas do Apóstolo en Compostela, coa praza do Obradoiro tabulada, a entrada restrinxida, todos coa máscara. Non digamos a praia de Silgar, en Sanxenxo, da que xa falamos noutra destas mareas.

Hoxe non poderei estar en Madarnás, na Insua dos Poetas, onde se homenaxea a Xeración Nós. Haberá ocasión de volver sobre a Xeración Nós (Vicente Risco, Castelao, López Cuevillas, Lousada Diéguez, Otero Pedrayo) que chantou as bases da modernidade europeísta na cultura galega do seu tempo. No próximo mes de outubro cumpriranse cen anos da saída do primeiro número da revista que lles deu nome. Hai unha liña de continuidade entre as Irmandades da Fala, a Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista… que nos alimenta a todos. Sen eles, sen a súa intelixencia, sen o seu esforzo e xenerosidade a cultura galega, tal como a concibimos hoxe, non existiría.

O pasado mércores, na casa da Matanza, en Padrón, honrouse a memoria de Rosalía de Castro, que finou naquel lugar o 15 de xullo de 1885. A súa pegada está ai, inmorrente, por riba de atrancos, devalos e catástrofes. Ela chantou a primeira pedra. Onte, en Santa Cruz de Oleiros, lembramos a Isaac Díaz Pardo, que o 22 de agosto cumpriría cen anos. Despois da hecatombe de 1936, a continuidade abriuse en dúas pólas de resistencia: unha aquí, no exilio interior, cuxo froito máis logrado foi a Editorial Galaxia, e outra no exterior, no exilio de Buenos Aires sobre todo, con Castelao, Luís Seoane, Rafael Dieste, Emilio Pita, Núñez Búa, Eduardo Blanco Amor, Neira Vilas, Antonio Pérez Prado… Isaac Díaz Pardo pertence ás dúas beiras. A súa gran obra foi sen dúbida o proxecto Sargadelos (Ediciós do Castro, o museo Carlos Maside, o Laboratorio de Formas, as cerámicas de Sada e de Cervo na Mariña luguesa), xunto con Luís Seoane, Fernández Albalat e outros compañeiros do galeguismo.

Na Fundación Eugenio Granell, outro dos nosos exiliados, podemos visitar estes días a exposición en memoria de María Elvira Fernández López, máis coñecida como Maruxa Seoane, por ser a esposa do artista. Outra homenaxe de xustiza, polo que ten de reivindicación das mulleres na historia dalgúns dos nosos grandes personaxes, historias exemplares elas de por si, como María Miramontes, a compañeira de Ánxel Casal, Carmen Muñoz de Dieste, Anisia Miranda de Neira Vilas, Cristina Novoa de Xaime Isla… Memoria e celebracións en tempo de angostura e confinamentos. Pero estamos aquí. Aínda que este ano teñamos que pasar sen música nas verbenas.