Arquitectura que fala, arquitectura falada

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

18 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fixémonos na sutileza da imaxe, esa figuriña é un case nada. A arquitectura na que está inserto é complexa, unha ménsula ou can que remata o arranque dun arco que, á súa vez, rodea unha torre circular. Seguramente este alarde foi falado no obradoiro, entre o mestre e os canteiros. Hoxe segue a dicirnos algo.

Cada vez que miramos intencionadamente un monumento transitamos polos tempos. A arquitectura histórica é máis ca firmitas, venustas, utilitas; é énfase, ilusión óptica, algo que parece pero non é. A perspectiva sempre enganou os nosos ollos. O parlamento do Pórtico da Gloria é como unha foto na que cada rostro expresa un sentir distinto. O deleite está garantido se son capaz de apreciar o rumor da beleza, e mediante a palabra podo compartir ese goce.

Agora que se está a intervir permanentemente nos monumentos, o dilema é discernir aquilo ante o que hai que reclinarse restaurándoo daqueloutros elementos construtivos que, aínda sendo históricos, se deben corrixir cando un erro causa problemas ou completar para rehabilitalos e infundirlles novos usos. Horas e horas de opinións compartidas.

Do mesmo xeito, cando se trata da transformación do espazo comunitario, rúas e prazas, o arquitecto arríscase a elixir entre aquilo que hai que manter como testemuño das preexistencias e o que hai que reformar ou substituír, deixando en calquera caso oco para a imperfección ou a pegada dos transeúntes que, cos seus pasos, van construíndo o espazo civil.

En cambio, cando crea novos volumes enfróntase á nudez do papel ou a pantalla e ao manexo simultáneo de todos os vectores que inflúen no contorno, desde a fachada que non deixa de ser unha mediación entre a propia intimidade e os demais, ata o adral que pon ese ámbito íntimo en contacto coa rúa. Tempo para debuxar o pensamento e o sentimento.

Facer próximo o exercicio da arquitectura, democratizalo, supón pensar e falar, mirar e contextualizar o edificio na rúa, o espazo público no barrio, ser humildes practicando a austeridade e a renuncia ao superfluo. O proxecto é un prólogo, un inicio, e hai que definir cada detalle para construílo ben, eludindo a tentación de encher todas as cousas de deseño. O hiperdeseño, en arquitectura, é como o esquerdismo en política, fai que se perda o contexto.

Os mellores proxectos son como esa pequena figura, case nada. Os bos arquitectos debuxan e falan, escoitan e discuten, defenden o proxecto e dubidan na execución. Sinxeleza e complexidade, o mesmo dilema cá vida.