Eu son das que namoran da poesía a través da música. Cada un ten o seu xeito de descubrir a beleza, e aínda que a poesía tamén é son, para min é a música a que fai que un poema me emocione profundamente. Se cadra é porque aprendín a crecer coa música, e foi a música a que me abriu os ollos para descubrir outros mundos, outras artes e, sobre todo, a literatura.
Como pianista acompañante (de formación e vocación) aprendín a poesía de Goethe a través da música de Schubert, a de Verlaine a través da de Fauré. E no caso da galega, a selección de poemas galegos do ciclo dedicado a Antonio Fernández Cid abriume os ollos a outro xeito de entender a relación entre a poesía e a música na nosa lingua. Tamén namorei de novo da poesía de Yolanda Castaño a través da música de Rosa Cedrón, e da de Uxío Novoneyra a través de Emilio Cao e da grandísima Uxía Senlle.
Por iso, nesta semana na que os versos visuais de Novoneyra pasaron a formar parte da colección de roupa da marca global por excelencia: Zara, eu celebro que aqueles que, en todo o mundo, descobren a beleza a través da vista poidan achegarse agora aos Poemas Caligráficos de Novoneyra. E a través del, ao resto da nosa poesía, ou simplemente a Galicia, ou simplemente ao galego, pois sen dúbida espertará curiosidade. E, se como dicía Novoneyra «A Fala e? o u?nico sitio onde seguen vivos os antepasados, a u?nica forma audible de supervivencia», ver agora as súas creacións estampadas nunha prenda de roupa que chegará a tódolos recunchos do mundo fai que unha reflexione sobre a supervivencia da lingua na era dixital… Pode unha camiseta abrir as portas a descubrir un libro, e con el a Fala, e con ela un pensamento?