Unha oposición para gañar o Goberno

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

15 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Isto foi todo, amigos! Uns contentos, outros tristeiros, outros escarallados e o Partido Popular arrasando, e pensando os seus líderes máis novos como colocarse na foto para substituír -agora si- a Feijoo nas vindeiras eleccións. Os contentos, os tristeiros e os escarallados -que xa non saen na foto do novo Parlamento- teñen seis meses para pensar, un ano para artellar estratexias e alternativas e outro para facer e demostrar antes das vindeiras eleccións. Obxectivamente, despois dos resultados deste domingo constátase que ata agora non houbo oposición con éxito fronte ao PP. Non se despois dunhas eleccións coma estas, en condicións de máxima incerteza, de máximo desgaste previo e cun Goberno de coalición de esquerda en Madrid, gaña por cuarta vez, co mesmo candidato e ampliando maioría. Todo o demais son matices que non achegan un voto á oposición. 

Todo o demais é secundario. O éxito de Ana Belén Pontón, inapelable: muller, experimentada, profesional no seu, cunha nova posición definida e un instrumento sólido, recolle os votos de antes da ruptura de Amio e mais os que lle cede un PSOE para o que era imposible gañar ren, e amais aproximándose ao máximo histórico de votantes nacionalistas de hai quince anos. Gonzalo Caballero levará a culpa, pero declaracións e fotos en campaña de referentes como o alcalde de Santiago explican case todo. Houbo moitos bugallos na base cultural, académica e económica do PSdeG que se non axudaron a Alberto Núñez Feijoo a gañar fixeron imposible o avance dos socialistas. Non esperar a que todo lles veña de Madrid tamén axudaría. Podemos+EU, emperrenchados en copar a marca da Marea, quedaron nos límites do voto tradicional a Esquerda Unida, e mais unha boa ministra, e mais os compañeiros de Beiras pero sen Beiras.

Sen oposición contundente, sen organizacións partidarias sólidas e nutridas, sen implantación territorial extensa e intensa e sen unha campaña impecable, perfecta, de todos os partidos da oposición é imposible gañar ao PP. Exactamente esa é a receita do PP para gañar: oposición, organización, implantación, campaña. E un líder para o que todos traballan. E aínda ten sempre outro plus: anular aos competidores na dereita e dividir ao máximo á oposición, mesmo esfrangullala en partidiños (o Pancho da Marea) e pantasmas (Recortes 0). Que a dereita vai unida en Galicia e que a esquerda é plural son datos para traballar, e non desculpas para laiarse. Datos que dan marxes para estratexias políticas que permiten moito xogo cando se aproveitan no nacionalismo e na esquerda. Os votantes do Partido Popular non foron obrigados á forza. Aceptemos en chanza que carretaron uns milleiros para chegar ao escano 42, pero convénzanse os que se laian que todos os demais foron polo seu pé.