Inverno porteño

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Juan Ignacio Roncoroni | Efe

12 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Das Catro Estacións de Astor Piazzolla a miña preferida é o inverno, recreado na música da cidade de Buenos Aires, a outra capital histórica dos galegos, que nestes días atravesa momentos difíciles, tanto economicamente como a causa desa pandemia rabuda que nos castiga a todos. Os avós falaban da gripe do 18, que fixo estragos, e ata que entraron as penicilinas, nos primeiros tempos de contrabando, non a deron abaixado. Os primeiros casos na Arxentina declaráronse no inverno daquel ano, pero a vaga máis forte xurdiu no 19, cando a xente pensaba que xa pasara o peor. En total foron case que 15.000 mortos. En Galicia, Castelao deixou memoria daquel tempo nun conto O retrato, recollido no seu libro Retrincos (1934)

Mais estamos en Buenos Aires, con case medio millón os galegos e galegas que se recoñecen fillos ou netos dos primeiros emigrantes, e máis de cen mil que desta vez seica teñen moitas dificultades para votar. O chamado voto rogado couta as posibilidades da Galicia exterior, que como dixemos tantas veces tamén existe. A cuestión queda sempre pendente dunha lexislatura para outra. Será cousa de afrontala dunha vez.

Volven falar os xornais arxentinos da vella pandemia que se declarou no mundo logo de rematar a Primeira Gran Guerra, a guerra do 14, nun país en pleno crecemento, pero con grandes desigualdades sociais, infraestruturas cativas para atender unha poboación que non paraba de medrar e recursos públicos na práctica inexistentes. Non digo que na actualidade sexa exactamente igual, mais volven as vellos pantasmas nun país que foi o gran centro de acollida e consolo para centos de familias nosas. Nas villas miseria e no Gran Buenos Aires sobre todo, onde se amorean millóns de persoas, os equipos sanitarios decláranse impotentes. Catro mil infectados diarios.