Adolescentes no punto de mira

Nuria Lago Fernández FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Iñaki Berasaluce - Europa Press

12 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

adolescencia é unha etapa vital transcendental, xa que nela ten lugar o proceso de construción da identidade. É por isto que o adolescente vai precisando cada vez máis espazo físico e emocional, para poder gozar do seu mundo interior, coñecerse a si mesmo, ter a súa intimidade e para poder levar a cabo o proceso de experimentación característico e necesario desta fase da vida. Non hai mellor aprendizaxe que tropezar, caerse e tras a caída desenvolver as habilidades axeitadas para erguerse. Esas son as experiencias que van conformando ao futuro adulto que hai neles/as e, ademais, sempre cunha gran dose de intensidade, de paixón. Todos lembramos ese afán por trocar o mundo; esa indignación case constante co que nos arrodeaba...

A medida que ese necesario espazo entre eles e os seus pais e nais se vai xerando, vaise producindo, asemade, un forte achegamento aos seus iguais, ao grupo de amigos, o cal adquire unha enorme importancia, converténdose nun dos seus principais referentes xunto cos seus ídolos (influencers, deportistas, etcétera), producíndose a cotío unha imitación dos comportamentos.

Aparece tamén a necesidade de cuestionalo todo, de retrucar as normas impostas polos pais e nais e de desafiar á autoridade, xa que o cuestionamento das normas establecidas é unha actitude necesaria no proceso de construción da identidade; precisan facelo, para reafirmarse no mundo.

A pesares de todo isto, os adolescentes precisan que as súas figuras de referencia lles ofrezan un chan estable onde pisar, que os traia de cando en vez á realidade, que lles marque límites coherentes e lles proporcione un oasis sereno no que atopar acougo e seguridade á marxe dese mar convulso no que habitan e, sobre todo, que lles transmitan que contan con eles.

Probablemente sería máis efectivo e construtivo facer partícipes aos adolescentes na loita contra o coronavirus; implicalos, en lugar de censuralos. As etiquetas nunca conducen a nada e menos cando son negativas. Trataríase de voltear o argumento actual e pasar de facerlles reproches a facelos protagonistas, empatizando con eles e presentándolles propostas concretas en positivo e a curto prazo (xa que adoitan vivir na inmediatez), transmitíndolles que se conta coa súa axuda e especificándolles aqueles aspectos nos que poderían axudar se respectan as medidas de seguridade. Insistir na censura só vai seguir alimentando o que estamos a ver: actitudes desafiantes.