Galicia eléctrica

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

PEPA LOSADA

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Escocia anuncia que o 90% da enerxía eléctrica que consome procede de renovables. Esperan acadar o 100 % nun ou dous anos. A eléctrica supón a cuarta parte da enerxía total consumida alí, e aspiran a que dentro dunha década sexa a metade. Sobra comentar a importancia dese fito, non só dende o punto de vista económico e ambiental, senón tamén xeoestratéxico, ao reducir a dependencia de subministradores externos.

Varias zonas do mundo camiñan cada vez con paso máis firme cara a un escenario de relativa autonomía eléctrica, e Galicia é unha desas privilexiadas. O ano pasado, case a metade da enerxía que consumimos os galegos foi satisfeita por xeradores eólicos. Se sumamos a de orixe hidráulica, a porcentaxe chega case ao 90 %. Ao longo da presente década Galicia podería xerar suficiente enerxía renovable como para abastecer o 100 % do seu consumo eléctrico.

A nivel de España, a porcentaxe de enerxía eléctrica de orixe renovable anda polo 40 %, aínda que está medrando bastante, sobre todo na solar fotovoltaica, na que lidera o crecemento europeo pola súa brutal caída de prezo. Temos que conseguir que o noso país se mova máis con electricidade porque seremos cada vez mellores producíndoa de xeito sostible. Facendo ben as cousas poderemos dar solucións axeitadas ás industrias electrointensivas do país e irase esvaecendo o noso medo atávico ás crises do petróleo.