O floreiro enriba da mesa

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

No disponible

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A candidata Ana Pontón falou de cultura na Coruña. Agradécese. Non son comúns as referencias ao tema nesta campaña electoral. Case que diría que nin nesta nin noutras. A cultura entra (ou esvaece) case que sempre pola porta de atrás, arrombada no rocho das cousas menores ou, cando menos, prescindibles. Hai algunhas semanas, antes de que encomezase a campaña, o conselleiro Román Rodríguez convocou a través de videoconferencia a diferentes representantes de sectores culturais para falar do futuro posible, un horizonte certamente difícil nos tempos que se aveciñan, marcados non só por un problema de saúde pública (moi grave e global) mais por unhas perspectivas económicas sen precedentes, igual de graves e igual de globais. No capítulo de prioridades, alguén dirá tamén que de escusas, a cultura ocupa as derradeiras posicións. Os que estamos nisto sabemos de que falamos. Padecémolo cando a crise que encomezou en 2008. Aínda non saímos daquela e xa estamos nesta, que parece que o multiplica todo por mil.

Nos debates destes días (na radio e na televisión) apenas sentimos falar da cultura, agás moi por riba e de pasada. Refírome á cultura como industria. Refírome aos axentes que a activan e a fan posible: creadores, produtores, distribuidores, espazos de acceso e de consumo… E refírome especificamente á cultura galega como marca de noso, que nos dá un lugar no mundo e nos permite dialogar con outras culturas e outros espazos sociais mesmo alén das nosas fronteiras. Nalgúns momentos falaron os nosos candidatos e candidatas de educación, de turismo, algo menos de investigación e patrimonio, que tamén son cultura, pero a creación e os seus axentes apenas entraron nos debates. Un adorno. Así é como nos concibiron sempre. E os adornos, coma os ramos de flores na mesa, poden ser admirados de entrada, pero bótanse a un lado cando os comensais empezan a falar de cousas serias.

Necesitamos un pacto estratéxico tamén no eido cultural, se non o máis castigado, o máis silenciado. Un pacto coa participación de todos os axentes implicados, que non se enrede en casos particulares, senón que se oriente cara a estratexias públicas, liñas de actuación e estímulo, apostas de risco, infraestruturas de promoción, propostas de innovación e mesmo de internacionalización... Non pretendo comparalo coa traxedia da sanidade e o paro, merecentes sen dúbida das prioridades. Os recursos económicos son escasos, moito máis nestes tempos. Pero se descoidamos, ignoramos ou marxinamos a creación cultural estamos renunciando a un dos motores do desenvolvemento básico das sociedades: a creatividade, que é tamén a nosa identidade, algo do que se alimentan moitas outras cousas, dende o comercio e a produción industrial ao turismo, incluído o Camiño de Santiago do que tanto se fala, que é fundamentalmente un produto de cultura.