Obradoiro, arte e política

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

E.F. denin

04 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foi tarefa fácil construír o espazo do Obradoiro. A súa historia é un unha sucesión de acordos e enfrontamentos entre os poderes relixioso e civil e un pobo revolucionario por veces, movidos polo empeño común de construír un foro. A catedral cos seus avatares construtivos, o grande hospital real cos seus catro patios distintos, o Colexio de San Xerome de fachada recomposta e o claustro de Fonseca, o conflitivo proxecto do pazo de Raxoi. As sedes do poder foron dotándose de balconadas e terrazas para mirárense as caras.

Baixo unha harmonía aparente, cando un mira con intención descobre un enxame de arquitecturas diacrónicas, Gótico e Renacemento con e sobre Románico, Barroco e Neoclásico a favor e en contra de todos eles, tanto que aparecen membros graníticos desprezados como simple recheo. Episodios que cómpre ler con atención para enxergar a complexidade dun proceso artístico de oito séculos, cos canteiros sempre a repenicar para facer a obra maior. Seguiu unha centuria de silencio ata que se pavimentou a praza, que nunca chegou a quedar ben. Falta, quizais, un testemuño contemporáneo.

A epifanía de semellante tumulto estilístico é esa beleza portentosa que varía de inverno a verán, do amencer ao solpor, cando caen as luces douradas sobre as fachadas da catedral, e recibe paciente as augas do cálido suroeste que fan aflorar estratos vexetais que suavizan a pedra, pero que a restauración ten que conter porque a danan.

Obradoiro de múltiples simboloxías e afectos, adro para viaxeiros de todo o mundo, escenario de ofrendas e actos cívicos, de manifestacións de alegría e de dor, do kitsch e do solemne, vale tanto para a reivindicación social como para a celebración da nosa galeguidade e cosmopolitismo: a autonomía de Galicia e a converxencia ecuménica dos camiños. Tras a pandemia, ábrese unha porta para poder reflexionar e recuperar o espírito de todo ese conglomerado.

Estou desexando que, pasadas as eleccións, o Obradoiro poida convocar de novo un acordo entre as forzas políticas, igual que se concertan as arquitecturas contrapostas en permanente diálogo; un pacto para saír desta situación inquietante e tomar impulso ante as inclemencias que veñen, sobre todo para as xeracións máis novas.

A praza debe facer gala do seu sentido conciliatorio, de cooperación das administracións públicas coa Universidade e a Igrexa, buscando un equilibrio entre o rebumbio de antes e a desasosegante quietude actual, que parece poboada de fantasmas.