«Baron Noir» para estas eleccións


A serie A ala oeste da Casa Branca foi unha ficción de culto moi americana, na que os medios e os slogans enchían o guión. House of Cards -sempre mellor a orixinal inglesa- aburriume porque parecía estar vendo sempre Hamlet e Ricardo III. En Borgen vimos como se pacta nunha democracia de moitos partidos e descubrimos que os daneses non teñen nada de fríos. A francesa Baron Noir é o último en series políticas. Retrata o funcionamento dunha cultura partidaria e ideolóxica tan parecida á nosa que nos permite apreciar tamén as diferenzas. A principal é que os partidos en Francia teñen historia, e son capaces de acordar e de recordar retrotraéndose ás súas orixes e ás súas relacións centenarias. Na trama, as diferentes tradicións políticas, moi ben definidas, móvense nestes tempos confusos. As series políticas de televisión están en voga, pero poucas poden apelarnos coma esta.

A serie trata da ameaza autoritaria que vivimos en Europa, e está pensada dende a evidencia republicana dunha democracia en perigo. Céntrase no funcionamento interno dos partidos como instrumentos necesarios da democracia representativa e nas eleccións como mecanismo para conformar gobernos nun réxime pluripartidista. Unha serie ideal para ver nesta campaña electoral. Para comprender que non se lle pode facer a campaña aos provocadores que imitan a Mussolini cando con catro gatos ía dar mitins a barrios comunistas, a Hitler que facía o mesmo nos barrios socialistas ou ao José Antonio que fixo o propio nos anarquistas. Para apelar sen complexos á tradición rupturista do PSOE que na Transición nucleou esa proposta da oposición democrática, fronte aos reformistas do Movimiento encabezados por Suárez, que nunca pensaran nesta Constitución antes do resultado das primeiras eleccións. Para descubrir que o principal galeguismo foi plural e republicano, con Casares ou Castelao, e que algunhas das súas tradicións renovadas tiveron máis dificultades de vincularse a ese tronco que a outros menos democráticos. Para apreciar que houbo unha burguesía autóctona revolucionaria, laica, liberal, de dereitas, mesmo de esquerdas, e así entender tradicións latexantes nunca reivindicadas.

A gastada idea de que calquera pode chegar a presidente dos Estados Unidos tamén aparece na serie, pero mellor presentada que no espellismo de Hollywood, porque en realidade é unha idea europea que se fixo realidade en Europa por medio dos partidos laboristas e socialistas. E segue a facerse. Transmite, ao cabo, como a radicalidade democrática da esquerda no sistema de democracia representativa é moito máis efectiva que a confusa moderación aparente e ineficaz dos que intentan agochar o seu querido mito da revolución. A democracia é, pero o apelido ponllo quen goberna. Garantir os servizos públicos fóra do mercado e a ecoloxía como ben público global aparecen na ficción igual que na realidade como o problema que protagonizará os conflitos que veñen. Máis de clase que de identidades sociais, porque o transversal tamén pode ser a autopista dos ditadores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

«Baron Noir» para estas eleccións