Orgullo galego cen por cen


Que se mova o que poida, se quere. A min de aquí non me move ninguén!, di Benedicta, gran actriz revelación, a nosa chica de ouro e de mundo, agora chica de anuncio! Para glamour, o de levar máis de oitenta anos de mundo moi vivido da cabeza aos pés. A enruga máis fermosa é a da boa vellez. Benedicta móllase se chove, e se non chove tamén. Ata cando le un guion se lle ve o brío, o moi ela que é. Orgullo galego cen por cen. Tamén a señora María de Neixón, famosa a título póstumo, con 53.000 reproducións dez anos despois de morrer, segundo contou Marta Gómez en La Voz. Cando a xente fala con liberdade, coa propiedade da experiencia, hai récords que dá gusto bater. Fillo, María tivo un, que pariu soa despois de traballar pola mañá. María, a sabia que non chegou casar. Para que? «Eu non aguanto a calquera!», di no vídeo viral de Toño Chouza. Saber iso de primeiras evita estragos, desilusións. «Hoxe ás mulleres gústanlle os bares e o tabaco. Levan a culpa os homes, pero tamén teñen moita as mulleres». Home, non! É como estar escoitando a Benedicta cando di: «Femias hai moitas, mulleres poucas». Claro que pensa tamén que «a muller cando é muller non hai home que a pare». Pode ser.

Elas son as nosas heroínas, veteranas da guerra de dar de comer, mulleres que viven e pensan coa súa lei. Capaces de facer todo, salvo de dicir algo en van. Benedicta e María son Galicia. Son o tesouro que non queremos perder.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Orgullo galego cen por cen