A política, o político e os platós

Pedro Puy
Pedro Puy EN LÍÑA

OPINIÓN

CAPOTILLO

21 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa finalidade de entretelo e liberalo das limitacións da enfermidade neurodexenerativa que o aqueixaba ao final dos seus días, os fillos de Tzvetan Todorov axudárono a editar o seu último libro, de contido tan fermoso como o seu título: Leer y vivir. Cada unha das súas páxinas, que recompilan textos de conferencias e artigos dispersos e ata entón inéditos dedicados ás máis variadas cuestións, exhalan o humanismo universalista e crítico de Todorov. Nel, e reflexionando sobre o papel da política no teatro, lembra que convén diferenciar entre «a política dos políticos», que se presenta como unha materia ou contido; e «o político», é dicir, «a política como lugar de existencia da comunidade da que formamos parte». E non é mal momento para pensar na política en termos da comunidade da que formamos parte, unha vez que a pandemia da covid-19 nos recordou, con toda a súa tráxica forza, que a chamada vida en común «non é unha opción entre outras, senón a característica distintiva da especie humana».

España é o país europeo no que máis caeu a produción durante a pandemia, como acaba de anunciar o Banco de España. Fundamentalmente por tres razóns. En primeiro lugar, polo maior peso que teñen na economía española os sectores máis afectados polo confinamento e o parón en seco da actividade (o turismo, a hostalería, o lecer ou o comercio). En segundo lugar, pola «maior severidade das medidas de contención aplicadas», confinamento extremo que houbo que adoptar como consecuencia do evidente retraso inicial, xa denunciado por numerosos epidemiólogos, coa que se respostou á pandemia. E, finalmente, porque España tampouco se atopaba na mellor situación para reactivar a economía: cunhas contas públicas aínda en déficit, e incumprindo o pasado ano 2019 os obxectivos pactados con Europa, o Goberno español nin puido, nin pode, inxectar as inxentes cantidades de diñeiro público que están a gastar a maioría dos gobernos europeos, en especial o alemán, nas súas empresas.

Afrontamos, todos, como comunidade constituída en Estado, unha tarefa inxente: recuperar unha economía máis afectada que as do noso entorno; e facelo con menos recursos. É certo que grazas ao sentido de comunidade que con máis ou menos intensidade aínda prevalece nas institucións europeas, España xa está a recibir un grande apoio financeiro (do Banco Central Europeo); e que pronto recibiremos (a través de transferencias e préstamos) novos fondos da Unión Europea para axudar á recuperación dos mercados e dos servizos públicos. Cómpre agora utilizalos, con independencia da súa condicionalidade, con responsabilidade, para que a recuperación a curto teña continuidade nunha mellora estrutural do noso tecido produtivo.

A situación da nosa comunidade autónoma política máis próxima non é allea á do conxunto da española. Contamos con algunhas vantaxes: a nosa economía non é tan dependente dos sectores máis castigados polo peche de actividade; o confinamento foi algo menos curto e estrito que no resto de España (porque houbo máis anticipación e se actuou con maior dilixencia); e as nosas contas públicas, mellor xestionadas e menos endebedadas, outorgan ao Goberno autonómico unha maior marxe de actuación. Aínda así, a tarefa que nos convoca a todos nos próximos anos segue a ser titánica. Requirirá a responsabilidade e as aportacións de todos. Requirirá que nos próximos días, meses, e anos deixemos alomenos un pouco de lado «a política dos políticos», é dicir, os platós e o teatro; e todos, electores e representantes, pensemos no político como «o lugar de existencia da comunidade da que formamos parte».