Museo etnográfico «Pepe el Ferreiro»: haxa salú, haxa gratitú!

Mar de Santiago EN VIVO

OPINIÓN

DANIEL GAYOSO

22 jun 2020 . Actualizado a las 08:51 h.

Señardá! Dende a irmá terra galaica á beira do Faro de Hércules, vai un laio de tristura e un grolo de doce alento coa luz da lembranza do que foi Pepe «el Ferreiro» para quen, coma éo, temos fonda raigame no occidente astur; alí unde o galego e a fala se bican e fornecen unha fértil andaina vital, ben senlleira e nutricia. Meu tecido de liñas negras está tinguido pola mistura das emocións e das linguas que nelas brotan. Fai xa muitos anos, nos oitenta, abrín a miña mirada á riqueza cultural da tierrina materna, a avoa de Pesoz levounos visitar a exposición de pezas etnográficas inaugurada nos baixos do edificio do Ayuntamiento de Grandas de Salime. Fiquei abraiada polo bulir, entre máxico e telúrico, daqueles vestixios devoltos á vida grazas ao bo facer e resiliente instinto etnográfico de Pepe. Valente con boina, enxebre con madreñas, e convincente coa palabra e o sentidiño; de apaixoada e entrañable mestría por amosar, compartir e achegar a importancia do noso patrimonio como forxa das nosas orixes e identidá cultural. Co seu avezado talento artesán e un emprendimento autodidacta, algo ácrata, mais obstinado e inasequible ao desalento, puxo en valor aparellos, roupa, mobiliario, enseres ou aperos que se amoreaban quedos e calados nos cabanois, confinados a un silencio eterno, pero rescatados xusto a tempo para ser cómplices dun diálogo co noso pasado, unha conversa que tiñamos pendente e semella ben imprescindible. Profesionais que nos adicamos a disciplinas de ciencias sociais, artes ou humanidades, sabemos do valor intrínseco de recoñecer, recuperar ou redimensiona-lo noso patrimonio cultural material e inmaterial. Rencontrarse coa raigame é achegarse aos alicerces do noso ser social, a semente dunha identidá cultural propia; Pepe, mentor e artífice do que hoxe é un Museo etnográfico de referencia, sabíao muito ben e fiou con sabedoría as urdiduras deste proxecto que foi sachando e no que botou a súa vida. Por iso debe seguir a xerar un desenvolvemento endóxeno e sustentable, nese agromar de abaixo a arriba, como os froitos saen da terra. Porque para empoderar a cultura cómpre empoderar ás persoas que a sustentan, traballar cos vecíos, a comunidade, con e dende a súa xente para proxectar ao mundo a esencia do propio ecosistema natural, cultural, e humano no que se insire. Nese trasegar continuo e imparable de ideas creativas, proactivas, innovadoras e senlleiras coas que puxo o xermolo, hai abondos espacios de luz, lugares que nos falan, aparellos que palpitan ou pezas cotiás que ulen a vida vivida noutro tempo, o dos nosos antergos, pequenos tesouros que agochan a historia do noso.

Un bico forte de mar e grazas por tanto, Pepe! Quedas en moitas de nós, no pensar, no sentir, na mirada ou no xeito de facer. Haxa sempre gratitú para ti, para a túa memoria! Haxa por sempre salú para o teu legado: Museo etnográfico «Pepe el Ferreiro» de Grandas de Salime.