Vendelo todo

OPINIÓN

19 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces, na miña casa sorpréndense cando comento algunha noticia rosa que leo na prensa. A súa estrañeza podería nacer de primeiras na certeza de que eu apenas vexa a televisión, pero finalmente créase no abraio de que os xornais serios poidan acoller nas súas páxinas esas cousas de famosos que venden sen ningún reparo, e dun xeito case obsceno, as súas intimidades. Como curioso que son, procuro non ser un ignorante total dese mundo mediático en cuxo engado adoitan caer millóns de persoas, que si ven eses programas maratonianos en que unha recua de inútiles expoñen as súas miserias pública e impúdicamente. Cando falo coa miña nai, non concibe que eu non saiba de Belén Esteban ou de Jorge Javier Vázquez. E como non amoso interese por eses asuntos do corazón, dime, para que reaccione, que eles tamén escribiron libros e deben de vender máis ca min, algo evidente. Grazas á miña nai puiden saber nestes anos as desgrazas dalgún deses protagonistas e mesmo sentir certa curiosidade pola enfermidade de Terelu ou a separación de Belén Esteban. Recoñezo que ten o seu mérito manteren durante tanto tempo o tipo, entretendo o persoal coas mesmas historias e as mesmas persoas.

Agora vexo na prensa seria que Mila Ximénez botou o cebo dun cancro de pulmón que, con certeza, cubrirá uns cantos programas. A noticia volveume á parábola moral da morte como espectáculo de Bertrand Tarvernier, onde Romy Schneider protagoniza unha enferma terminal. Con todo, non me estrañaría que a película quedase curta con respecto ao que nos ten preparado a televisión no futuro, cando todos estes personaxes sigan aí, en directo, para nos ofrecer todo, con tal de que non baixe a maldita audiencia.