Covid-19: reto presente, aviso futuro

Xosé R. Bustelo DECOTÍO

OPINIÓN

María Pedreda

12 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

covid-19 volveu a rescatar do esquecemento epidemias de séculos pasados que tamén se asociaron a confinamentos, corentenas e incerteza social. Afortunadamente, agora temos armas moito mellores á nosa disposición para afrontar este tipo de crises ca a de simplemente xogarnos a nosa vida coa dona da gadaña nun xogo de xadrez, tal como se evoca na película O Derradeiro Selo, de Ingmar Bergman. Unha destas novas armas foi o grande desenvolvemento da bioloxía molecular acadado ao longo das últimas décadas. Grazas a elo, púidose identificar o virus causante desta pandemia, chamado SARS-CoV-2, así como o seu xenoma completo só un mes despois do brote inicial da enfermidade. Isto permitiunos coñecer a velocidade de cruceiro a estrutura básica do virus e, por suposto, algúns dos seus puntos febles. Grazas a elo están xa en marcha múltiples traballos dirixidos ao desenvolvemento de vacinas e fármacos contra algúns dos talóns de Aquiles do SARS-CoV-2. Algúns destes traballos, como os liderados polos doutores José M. Costas, María J. Alonso e Javier Montenegro, estanse a facer en Galicia.

Terán éxito estes traballos? É difícil predicilo. Hai que lembrar que hai moitos virus para os que non se puideron desenvolver nunca vacinas, tal como foi o caso dos esforzos dirixidos contra o virus causante da síndrome de inmunodeficiencia adquirida (sida). E hai outras enfermidades víricas moi comúns, como a propia gripe, que nos obrigan a desenvolver novas vacinas continuamente por culpa da rapidez con que estes virus cambian de pelaxe xenética cada ano. En calquera caso sempre teremos unha segunda bala na recámara: o desenvolvemento de fármacos contra algunhas das moléculas que usa o virus para reproducirse dentro do noso corpo. Esta estratexia, por exemplo, foi a que ao final tivo éxito para frear o virus causante da sida. Se me obrigan a apostar, diría que teremos unha vacina máis ou menos boa nun par de anos. Pero xogo coas cartas marcadas: xa apareceu nas noticias que hai varios grupos de investigación que parecen ter vacinas experimentais en fases iniciais contra o SARS-CoV-2.

É máis que probable que a este virus consigamos facerlle finalmente un bo xaque mate por mor destas investigacións. Tamén axudará a propia inmunidade natural que desenvolveremos a medida que todos nós nos expoñamos cada vez máis ao virus. Pero non nos confiemos, isto foi só un aviso: agora mesmo hai millóns de virus que están a infectar múltiples tipos de morcegos e outras especies de mamíferos e, en calquera momento, algún deles acabará saltando aos humanos de forma incluso máis virulenta ca o SARS-CoV-2. Isto non é ciencia ficción: sabemos que a lo menos outros seis virus máis xa nos visitaron estes últimos anos (o SARS-CoV, o MERS-CoV, o HKU1, o NL63, o OC43 e o 229E). Non é para vivirmos asustados, pero si para vivirmos preparados. Afortunadamente, isto último non é moi complicado: debemos apostar por sistemas axeitados que permitan a detección e control de novos casos o máis axiña posible, por ter un bo sistema médico tanto a nivel de atención primaria coma hospitalaria, pola ciencia e pola tecnoloxía. Todo elo permitiranos detectar, seguir, diagnosticar e combater de forma óptima os virus que aparezan no futuro. Por desgraza, a máis sinxela das solucións é ás veces a máis difícil: é precisamente todo o anterior o que levamos desmantelando en España durante os últimos quince anos. Temos tempo para remedialo.