En clave de re

Teresa Táboas Veleiro FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Pilar Canicoba

12 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este tempo repentino e distópico, que traerá sen dúbida algunhas fondas e complexas transformacións, obríganos a facer reflexións profundas dende a arquitectura e a propoñer novas utopías. Da mesma maneira que na linguaxe musical nos obriga a colocar unha clave ao comezo da partitura co fin de ir asociando as notas musicais, pódese tamén variar se así o decide o intérprete, porén compositores como o músico alemán Heinrich Schütz (século XVII), autor entre outras da primeira ópera Dafne, utilizou para algunhas das súas obras unha clave de fa en quinta, rebelándose á ortodoxia. Daquela, fronte aos retos actuais de recesión, reconstrución e recuperación, propoño mudar as claves do exercicio da nosa profesión e interpretala en clave de re, para dar respostas de vangarda a un novo contexto sanitario, económico e social -aínda que sempre hai a quen lle mete medo propoñer, e prefiren seguir interpretando a melodía na clave errada-. E seguramente a principal revolución que se ten que facer dende a arquitectura pasa por transformar un exercicio profesional maiormente ensimesmado nunha práctica multidisciplinaria que vaia establecendo pontes coa sociedade a base de propostas de calado e compromiso.

A miña experiencia política permitiume tomar conciencia diso, ademais da certeza absoluta de que é posible axudar a mudar e mellorar a vida das persoas dende a nosa profesión. De feito, nestas últimas semanas de confinamento varias persoas lembráronme a importancia que tiveron as Normas do hábitat galego, xa que nesa reclusión á que nos obrigou a emerxencia sanitaria decatáronse de como a especulación inmobiliaria permitiu edificar vivendas cunhas dimensións espaciais mínimas e unhas cativas calidades de luz e ventilación, converténdoas en auténticas prisións. Pero, curiosamente, no seu tempo provocaron un enorme ruído nalgúns sectores ideas que simplemente propoñían, entre outras cuestións, e como se recolle no limiar, «afondar nos novos conceptos aplicados á construción, tales como a sostibilidade, a reciclaxe, o aforro de enerxía, ou o asollamento, ligados á preocupación polo coidado do medio e da natureza e á explotación dos recursos que dela se obteñen». Pero ás normas do hábitat sucedeulle algo parecido ao que o Zaratustra de Nietzsche, porque non foron entendidas nin escoitadas por algúns aos que lle chegaron antes de tempo.

Pero hai que a ter a valentía de repensar as cousas dende a nosa profesión, aínda que ás veces o camiño sexa longo e haxa que ir devagar. Por iso concordo totalmente con Gramsci cando se refire ao compromiso que temos que ter: «Non me gustan os indiferentes, creo que vivir quere dicir tomar partido. Quen verdadeiramente vive non pode deixar de ser cidadán e partisano».

Por sorte existen algúns partisanos, como o arquitecto holandés Rem Koolhaas, un dos grandes pensadores contemporáneos, que nos días previos á traxedia que ía cebarse en forma de pandemia con Nova York inaugurou unha visionaria exposición no Museo Guggenheim da cidade neoiorquina, titulada «Countryside, the future», e na que afonda intelixentemente nesa clave de repensar o modelo urbano actual, que concentra ao 50 % da poboación mundial en megalópoles que ocupan soamente o 2 % do territorio do planeta, un modelo -o das urbes compactas- caduco e que, en aras dunha mal chamada eficiencia, foi defendido durante anos; asemade, tamén trata o papel que xogarán as áreas non urbanas nas transformacións políticas, socioeconómicas e ambientais que están por vir.

Análises intelectuais potentes, que tentan dar respostas aos grandes problemas que como espada de Damocles penden sobre as nosas cabezas e os nosos territorios, como o cambio climático ou as grandes migracións, e na mesma liña que xa o fixeran séculos atrás outros grandes pensadores, imaxinando outras maneiras de habitar que puideran mellorar as vidas da xente. Como fixo Tomás Moro na obra Utopía, do ano 1515, creando pequenas cidades separadas por cintos agrícolas, ou a primeira proposta de cidade-xardín de Ebenezer Howard, en 1898, que describe no seu marabilloso libro titulado A Peaceful Path to Real Reform, e na que, fronte á decadencia do mundo rural, pretendía establecer espazos agrícolas para beneficio comunitario, e evitar así o incremento do valor do solo que ocasionaba o rápido crecemento das cidades, concordando coas formulacións de Charles Fourier ou Robert Owen, os socialistas utópicos.

Xa que logo, este é un momento cheo de oportunidades para pensar, propoñer e planificar novas maneiras de habitar e utilizar o noso territorio, e tamén os espazos públicos e privados que conforman as nosas vidas, con respostas novas, utópicas, coas que afrontar os grandes retos que este tempo repentino puxo diante de nós.