Títulos nobiliarios no século XXI

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Marta Fernández Jara - Europa Press

06 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días asistimos a un vergonzoso espectáculo parlamentar cando unha deputada chamou ao vicepresidente «hijo de terrorista». O exabrupto viña enmarcado nunha liorta arredor dos títulos nobiliarios da deputada en cuestión, porque, como de todos é sabido, a portavoz do PP chámase Cayetana Álvarez de Toledo y Peralta-Ramos, e, ademais, ostenta o título de marquesa de Casa Fuerte, título outorgado a un antepasado seu, Juan Vázquez de Acuña y Bejarano, aló polo 1708 por Felipe V, quen, por se fose pouco, tamén lle deu o vizcondado de Hinestrosa. Soa todo tan medieval que case dá preguiza dicir que si, que soa medieval.

A pregunta que nos termos que facer, tan andado o século XXI, é se todo este tipo de cousas son morais nos nosos tempos. Reparen en que digo morais e non aceptables, porque, ademais de que non se sostén dende ningún punto de vista que nun país que se gaba de arrancar a súa Constitución referindo a igualdade de todas e de todos, o certo é que os reis ao longo da historia téñense dedicado a recompensar con ducados, marquesados, condados e outras cousas similares a homes que polo xeral destacaron na arte militar por levar adiante grandes escabechinas, matanzas, barrabasadas e guerras en nome, precisamente, deses monarcas que logo os recompensaban cun chiringuito nobiliario que lles daba toda clase de favores e privilexios durante os séculos dos séculos.

Agora que falamos de instaurar unha «nova normalidade» poderiamos comezar cargándonos todos os títulos nobiliarios para así, polo menos, dar unha certa aparencia de igualdade que non nos viría mal poder instaurar. E aínda que a día de hoxe eses títulos non dan vantaxes de ningunha clase, son unha vergonza para todas e para todos, pois son unha lembranza dunha época na que uns se pensaban mellores que os demais, ou sexa, ca nós, é dicir, a plebe ou, para entendernos, os traballadores. Porque se hai algo que a nobreza nunca fai, que lles saen ronchas, é traballar. E igual que nos molestan rúas dedicadas a golpistas ou xenocidas (e aí está a Lei de Memoria Histórica) a moitos nos molesta falar con fulanito ou menganita sabendo que teñen dereito a usar un título porque son nobres. Ou o que é o mesmo: que diante deles e delas eu son plebe. E non o son. De feito, son fillo de dúas persoas nobres e traballadoras dende que naceron ata que morreron. Dunha nobreza que a lei heráldica nunca lles vai recoñecer.

Así que, por min, que derroguen todos os títulos nobiliarios xa.