A verdadeira loita

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis vida e máis enfermidades alén da covid-19. Coma tantas veces, aos que non lles toca en primeira persoa parece que só son conscientes disto se lles pasa unha desgraza a un personaxe público. A visibilidade é o que ten.

En parte, sabemos que volvemos á normalidade porque as revistas do famoseo están de novo ateigadas de contidos. Algunhas falan da saúde.

Seica Sara Carbonero está guapísima co pelo curto. Non caiamos na banalidade, non quedemos no corte de pelo. Non cambiou de estilo por vontade, este novo look atrevido, como o denominan, é consecuencia dun tratamento contra un cancro.

O verdadeiro atrevemento é o que queda detrás da foto, os meses de mirar a enfermidade de fronte, de atoparse no espello coa cabeza coma unha bóla de billar, de pasar os dedos por riba das cicatrices da operación, coma se así puidesen borrarse. Meses, días, minutos interminables en que non poden apartar os ollos desa parte do corpo que falta.

Imaxino a esa xente agarrándose aos mobles da casa para non caer ao chan, eles que non teñen centos de miles de seguidores nas redes que lle digan «que guapa estás».

Impresionárame moito algunha foto da actriz Shannen Doherty, totalmente irrecoñecible sen un só pelo na cabeza. Miraba de fronte e sorría. Eu lía nos ollos: si, estoute mirando tamén a ti, cancro, e claro que teño medo, pero sorrío.

Ese é o verdadeiro atrevemento, o desafío. Amosalo ou non é decisión persoal. Non esquezamos que a batalla vai máis aló dun corte de pelo. A loita é outra.