De que vai isto?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CESAR QUIAN

28 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

moitas veces penso que os políticos non son xente normal. Que si, está moi ben iso de buscar preparación para a xestión dun país (que ás veces nin iso teñen), pero o dos pés no chan paréceme imprescindible. E pisar a terra non é ningunha deshonra, todo o contrario. Menos casta, menos clase social, menos títulos nobiliarios e máis sentido común. Que tanta faltiña nos fai!

Queren evitar a crispación e as leas dialécticas continuas? É tan fácil como non empezalas ou non entrar nelas. Iso poden facelo, está nas súa mans. Pero se ademais queren que isto deixe de ser un baile de pasiño para adiante, pasiño para atrás, pechen un pouco a boca e abran máis os oídos.

Reúnanse. Falen cos representantes de todos os ámbitos, seguro que teñen moito que dicirlles. Si, escoitar é un traballo, pero para iso están aí, no Goberno, para atender as necesidades dos cidadáns. Como quedou ben claro que non saben cales son, porque parece que toman as decisións despois de baixar dun carrusel completamente mareados, cando menos que escoiten.

Hai varios profesionais da sanidade que están nas redes berrando que necesitan axuda, que poñamos cordura todos. Pregúntenlles que precisan. A eles e tamén a todos os demais. Autónomos, traballadores da información, hostaleiros, xente do mundo da cultura, do agro, do mar... Somos moitos a ter problemas. Como é imposible que os coñezan todos, infórmense. Esa é a base. E o diálogo. Onde vai o talante conciliador e o debate construtivo?

Isto vai de ser responsables. Todos.